A Xunta abre dende hoxe ao público o aparcamento do IES Lucus Augusti fóra do horario lectivo
O delegado territorial, Javier Arias, explica que se poderá estacionar libremente entre as 15,30 e as 23,30 horas dos luns aos venres laborables; e as 24 horas durante as fins de semana, días festivos e todo o mes de agosto
Lugo, 20 de marzo de 2026
A Xunta abre dende hoxe ao público as prazas de aparcamento do IES Lucus Augusti fóra do horario lectivo. En total poranse á disposición da cidadanía 49 novas prazas de estacionamento – dúas delas para condutores con mobilidade reducida – na avenida Rodríguez Mourelo, situada no centro da cidade.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, detallou hoxe que o horario de apertura será de 15,30 a 23,30 horas de luns a venres laborables; mentres que as fins de semana - sábados e domingos -, os días festivos e todo o mes de agosto o párking estará accesible as 24 horas.
Arias destacou que estas prazas súmanse á trintena que xa están dispoñibles no aparcamento do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, situado na mesma zona, que a Xunta abriu á cidadanía o pasado verán. A única diferenza radica na tarde dos mércores, dado que ese día no IES Ollos Grandes atrásase a apertura ata as 18,30 horas ao ser horario lectivo.
O delegado territorial salientou que se trata dun horario amplo, que axudará a aliviar a demanda de espazos de aparcamento no centro de Lugo coa incorporación de case 80 novas prazas entre os dous recintos.
Subliñou que a Xunta cumpre así co seu compromiso de abrir tamén o párking do Lucus Augusti ao público en xeral unha vez finalizadas as obras de rehabilitación integral do instituto, nas que a Administración galega investiu 3,3 millóns de euros.
Incidiu na necesidade de respectar o normal desenvolvemento do traballo en ambos institutos, que tamén teñen actividade polas tardes – clases, reunións, claustros, consellos escolares, tarefas de xestión ... -. Ademais, nesa parte da xornada desenvólvense outros servizos como o de limpeza. Por ese motivo, no IES Lucus Augusti resérvanse oito prazas (a maiores das que se abren ao público) para os membros da comunidade educativa, ao igual que se fixo no IES Ollos Grandes – nese reserváronse sete -.
Para abrir os aparcamentos, a Xunta asinou un convenio co Concello de Lugo co fin de garantir a seguridade xurídica necesaria para que a Policía Local poida intervir ante calquera infracción ou incidente que se produza nestes espazos en materia de tráfico e seguridade viaria.