A Fundación Galtia constitúe o seu padroado e ultima a primeira convocatoria para captar investigadores
Os conselleiros de Ciencia e de Sanidade participan na primeira reunión celebrada no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, onde se situará a sede da entidade
Nas vindeiras semanas abrirase o proceso para seleccionar un xerente que, xunto cun director científico, constituirá a estrutura directiva da fundación
Os Orzamentos de 2026 contan con 4 M€ para arrancar a actividade desta institución que dará o impulso definitivo ao gran momento da nosa I+G+i
O obxectivo é captar talento do máis alto nivel que permita seguir avanzando na construción dun modelo de Galicia Calidade sustentado no coñecemento
Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2026
Os conselleiros de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participaron hoxe na reunión de constitución do padroado da nova Fundación Galtia de atracción de talento investigador de alto nivel. No transcurso do encontro aprobáronse os primeiros acordos, como a localización da sede da entidade no Edificio Fontán, para o que se asinará un convenio de colaboración coa Fundación Cidade da Cultura.
Tamén se abordou a próxima apertura do proceso para seleccionar un xerente que, xunto cun director científico, constituirá a estrutura directiva da fundación. A xerencia será, precisamente, a responsable de poñer en marcha, este mesmo ano, a primeira convocatoria para captar persoal, que será contratado baixo a modalidade contractual indefinida de investigador distinguido. O obxectivo é captar talento do máis alto nivel para avanzar na construción dunha Galicia Calidade sustentado no coñecemento.
Do mesmo xeito, na primeira reunión do padroado abordouse o modelo de convenio coas entidades de acollida, que constitúe o marco xurídico para converter a atracción de talento en integración real no sistema de I+G+ i. A través del, incorporase o persoal investigador financiado pola Xunta para reforzar a capacidade competitiva e investigadora destas entidades, fixando con precisión as competencias de cada parte.
Condicións de acollida e resultados de investigación
Entre outras cuestións, estes convenios regulan como realizar a adscrición ás entidades de acollida ou réxime laboral dos investigadores, que serán sempre contratados da Fundación Galtia, aínda que con condicións, dereitos e obrigas aplicables ao persoal da entidade de acollida. Tamén se establece a titularidade dos resultados de investigación, que se repartirá entre a Fundación Galtia e a entidade de acollida, recoñecendo en todo caso a condición de autor ou inventor do persoal investigador, entre outros asuntos.
Poderán ser entidades de acollida as tres universidades e as súas estruturas de investigación, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), as fundacións biosanitarias, os centros tecnolóxicos ou os organismos públicos de investigación, como o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
No que atinxe ao ámbito económico, os asistentes analizaron o orzamento de case 4 M€ para 2026, xa contemplado nas contas públicas da Xunta para este ano e que se irá incrementando de xeito progresivo ata acadar os 35 M€, que disporá para os seus cinco primeiros anos de funcionamento, dos que se espera un retorno estimado de 117 M€.
Impulso definitivo á I+G+i
A Fundación Galtia constitúe o impulso definitivo á captación e retención de talento do máis alto nivel en prol da competitividade, proxección internacional e reforzo da I+G+i galega. En definitiva, búscase facer de Galicia un destino recoñecido internacionalmente para o desenvolvemento da ciencia, incrementando o posicionamento e visibilidade internacional do sistema galego de investigación e innovación.
Esta estratexia inclúe un paquete completo de acollida para os investigadores, cun axudas de ata 1 M€ para desenvolver a súa liña de traballo e un plan de carreira profesional con acceso a infraestruturas públicas e convocatorias de financiamento a nivel rexional, nacional, europeo, así como a colaboracións con universidades, hospitais e outros axentes galegos.
No período 2026/2030 agárdase captar 30 científicos referentes a nivel mundial nas súas áreas de coñecemento con traxectoria consolidada, impacto global, talento e prestixio. Darase prioridade aos que desenvolvan liñas de investigación en sintonía coas prioridades determinadas no Plan de I+D+i de Galicia, de tal xeito que a chegada destes profesionais contribúa ao reforzo das iniciativas de alta especialización en marcha.
Membros do padroado
Forman parte do padroado, ademais dos conselleiros de Educación e de Sanidade, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez; a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; o director do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), Lois Orosa, e o director xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, José María Barreiro Díaz.
En representación dos Organismos Públicos de Investigación de Galicia participa a directora do INTECMAR, María Covadonga Salgado. En representación das tres universidades públicas de Galicia participa o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, actualmente Antonio López, e, como representante dos centros da Rede CIGUS, o director do IGFAE, Carlos Salgado. Estas dúas últimas representación teñen carácter rotatorio, bianual no primeiro dos casos, anual no segundo.