A Unidade de Policía Adscrita de Galicia realiza 27 inspeccións en dous dispositivos de prevención de consumo de alcohol por menores en Santiago de Compostela e Ribeira

No marco do operativo os axentes levantaron sete actas de infracción

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2026

Axentes da xefatura da Unidade de Policía Adscrita de Galicia en Santiago de Compostela levaron a cabo os pasados 12 e 13 de marzo dispositivos de prevención de consumo de alcohol por menores de idade en Santiago de Compostela e Ribeira. Como resultado das 27 inspeccións feitas, os axentes levantaron sete actas de infracción por mor de actuacións relacionadas coa Lei 6/2025, do 23 de decembro, de protección da saúde das persoas menores e prevención das conductas aditivas.

O dispositivo enmárcase nas actuacións para velar polo cumprimento desta Lei 6/2025, co obxectivo de previr a venda e a subministración a menores de idade. Das sete actas de infraccións rexistradas, seis corresponden a establecementos por incumprir esta norma ou a Lei 3/2023 reguladora dos xogos de Galicia, e unha delas a un menor de idade. 

A actividade dos axentes céntrase sobre todo en tarefas de inspección a locais e control e vixilancia das zonas de ocio frecuentadas por menores de idade. Os obxectivos pasan por acadar que os establecementos se axusten á normativa en materia de alcohol e tabaco, pero tamén moi especialmente que os menores de idade adopten pautas de conduta saudables, evitando o consumo destes produtos a idades temperás polas importantes repercusións para a saúde que teñen estes consumos na mocidade.

Data de actualización: 20/03/2026