Reguera visita o recén reformado muiño de Refoxos e informa sobre a nova convocatoria de axudas a concellos para mellora de recursos turísticos

A actuación foi posible grazas a unha achega de preto de 30.000 euros da Xunta

O prazo para solicitar estas axudas está aberto dende o pasado martes

Marín (Pontevedra), 20 de marzo de 2026

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o resultado dos traballos de rehabilitación do muíño de Refoxos, no concello de Oia.

Esta actuación foi posible grazas a unha achega da Xunta de preto de 30.000 euros ao abeiro das axudas destinada á mellora das infraestruturas turísticas en concellos de menos de 10.000 habitantes.

Acompañado pola alcaldesa, Cristina Correa, o delegado comprobou o bo resultado da actuación e lembrou que a nova convocatoria destas axudas está aberta dende o pasado martes. Neste sentido, Reguera explicou que “os proxectos poderán seren subvencionados ata o 100% do orzamento, cun máximo de 30.000 euros por actuación” e asegurou que se trata de una iniciativa que aposta pola “conservación e coidado do patrimonio galego”.

Estas axudas permitirán financiar actuacións moi diversas orientadas á mellora e posta en valor dos recursos turísticos locais como embelecemento dos accesos aos recursos turísticos, a recuperación e tratamento paisaxístico das contornas, a iluminación ornamental, a adecuación de aparcadoiros ou a creación de miradoiros paisaxísticos e rutas de sendeirismo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/03/2026