Medio Rural promociona os produtos agroalimentarios galegos de calidade diferenciada na Feira do Lázaro de Verín

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou hoxe na inauguración deste evento, que conta con actividades organizadas pola Consellería para dar a coñecer este tipo de distintivos entre a poboación  

Verín (Ourense), 20 de marzo de 2026

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe na inauguración da Feira do Lázaro, que se está a celebrar esta fin de semana no concello ourensán de Verín. Alí, o director destacou a importancia deste tipo de eventos, que promocionan e fomentan a comercialización de produtos agroalimentarios de calidade diferenciada e o contacto directo entre produtores e consumidores, ao tempo que dan a coñecer este tipo de distintivos entre a poboación. 

Nesta ocasión, a Consellería do Medio Rural participa na Feira do Lázaro cun programa de actividades centrado na excelente calidade da despensa galega. Para o sábado, organizouse unha cata comentada de queixos con Denominación de Orixe Protexida (Arzúa-Ulloa, Cebreiro, San Simón da Costa e Queixo Tetilla) e mel con Indicación Xeográfica Protexida; así como unha degustación de produtos amparados baixo o distintivo de Artesanía Alimentaria. A maiores, haberá unha demostración de cociña con produtos da IXP Ternera Gallega. 

Por outra banda, o domingo, os asistentes á Feira do Lázaro terán de novo a oportunidade de poder participar nunha cata comentada de queixos e meles premiados nas Catas de Galicia 2025.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/03/2026