A Xunta amplía os mecanismos de detección temperá de incendios forestais cunha nova app para a cidadanía, máis cámaras de videovixilancia e a implantación da IA no sistema

Trátase dalgunha das novidades do novo Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga), que se presentará este venres no Consello Forestal

Rueda resalta que a través da aplicación móbil, o cidadán poderá alertar sobre calquera incendio forestal, facilitando “datos de xeolocalización”, ao mesmo tempo que terá a posibilidade de compartir fotografías ou vídeos

Salienta a ampliación “nun 30% da rede de videovixilancia” ata chegar as 241 cámaras, nas que se introducirá intelixencia artificial para facilitar a detección de fume de xeito automático

En materia de extinción e persoal, “incorporaranse 42 brigadas” de 4 compoñentes pensadas especificamente para reforzar o dispositivo na tempada de alto risco

Ante a nova tipoloxía de lumes rexistrados nos últimos anos, ampliaranse a 15 o número de prazas da Unidade de Directores de Extinción (Udex), especializada nestes incendios

Súmanse catro novos medios aéreos: dous avións de carga en terra e un de coordinación, máis un helicóptero pesado

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico vai poñer en marcha “unha aplicación móbil para facilitar dar aviso dos conatos e lumes que perciban os cidadáns”. O obxectivo é “que estea dispoñible no mes de xullo, no inicio da campaña de risco”.

Esta é unha das principais novidades da actualización deste ano do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga), que se presentará este próximo venres no Consello Forestal e que incluirá novas medidas “no eido tecnolóxico, de persoal e de recursos”.

Entre as novidades tecnolóxicas inclúese esta APP. A través dela búscase ampliar a rede colaborativa de vixilancia e prevención de incendios, unha liña estratéxica do Pladiga 2026, favorecendo que a cidadanía forme parte activa do sistema de alertas e complementando deste xeito a cooperación telefónica a través do 085 e o 112. Con tan só tres pulsacións, o usuario poderá alertar sobre a presenza de calquera incendio forestal, facilitando “os seus datos de xeolocalización”, indicou o presidente, e achegando as coordenadas do punto aproximado e a súa situación sobre o mapa físico ou foto aérea. A maiores, ofrecerase tamén a posibilidade de realizar unha fotografía ou vídeo, engadir notas de voz e achegar observacións relevantes. As alertas recibiranse nos centros de coordinación provincial da Xunta.

Tamén no ámbito tecnolóxico, este ano ampliarase “nun 30% a rede de videovixilancia” que chegará a un total de 241 cámaras en 111 puntos distribuídos por todo o territorio galego. Aproveitando esta extensa rede despregarase, na aplicación de xestión interna de incendios XeoCode, un sistema de intelixencia artificial (IA) que permitirá a detección automática e inmediata de fume e focos iniciais do incendio. A IA incorporada alertará de xeito automático tras un filtrado, para posteriormente comprobar o aviso de xeito manual por parte dos técnicos e iniciar o despregamento do operativo.

Outras das melloras tecnolóxicas será a dispoñibilidade de drons de vixilancia de última xeración a través dun convenio asinado entre a Consellería do Medio Rural e Abanca a finais de 2025. Mediante este acordo, Afundación cederá tres drons para a prevención e defensa fronte aos incendios forestais. Estes medios, que incorporan tecnoloxía punta de orixe galega, ofrecen a posibilidade de traballar en remoto e complementarán os recursos autonómicos nas tarefas de detección e prevención contra o lume. Actuarán especialmente naquelas zonas de difícil acceso ou con falta de cobertura para as cámaras de videovixilancia. Estarán localizados nas bases de helicópteros de Vilamaior, en Verín; na do Xurés, en Muíños; e na de Lomba, en Santa Comba.

Novas brigadas e reforzo dos equipos especializados en grandes lumes

En materia de extinción, e concretamente no eido do persoal, a actualización do Pladiga 2026 conta cunha serie de novidades que buscan reforzar o Servizo de Prevención e Defensa contra os incendios forestais (SPIF).

O dispositivo galego está sendo considerado un referente a nivel nacional e europeo, avalado polas diferentes estadías en Galicia de comunidades autónomas e doutros países da UE. As condicións laborais, tras procesos de estabilización no tempo, serviron para mellorar tamén cuestións vinculadas á seguridade e á adaptación dos lumes forestais actuais. Hoxe, a maior parte dos 3.000 efectivos traballan ao longo de 12 meses e un terzo fano este ano por primeira vez 9 meses, tras un proceso de mellora continuada no tempo. Unhas melloras que continúan en diferentes aspectos.   

Precisamente, para a campaña actual de incendios estanse adoptando medidas orientadas a garantir a cobertura total das prazas de bombeiro forestal, determinado polo sistemas de estabilización, antes do 15 de xuño. Neste sentido, a principios de marzo mantívose unha reunión con todas as organizacións sindicais para abordar a planificación da provisión destas prazas. Presentouse ante os sindicatos unha programación para os vindeiros tres meses con fitos concretos. Ademais, a Consellería comprometeu a apertura de mesas de diálogo específicas para acordar melloras concretas vinculadas aos diferentes corpos de técnicos, axentes ambientais e bombeiros forestais que integran o SPIF.

Unha das principais novidades que incluirá a actualización do Pladiga deste ano “é a incorporación de 42 brigadas” de 4 compoñentes (1 xefe de brigada e 3 peóns). Serán brigadas especificamente pensadas para reforzar o dispositivo en tempada de alto risco. Isto suporá un aumento de 168 efectivos.

Por outra banda, e precisamente para dar unha mellor resposta ante o novo tipo de incendios rexistrados nos últimos anos e os GIF (grandes incendios forestais), tamén se reforzará a unidade especializada neste tipo de lumes, a Udex (Unidade de Directores de Extinción). Neste sentido, ampliarase o seu número de efectivos dos 6 actuais ata un total de 15, co obxectivo de dispor de equipos multidisciplinares especializados na xestión de incendios de interface urbana forestal.

Así mesmo, tamén se prevé o reforzo da operatividade do Equipo Batracio, unha unidade multidisciplinar con alto grao de autonomía operativa e plenamente integrada no dispositivo de intervención en GIF, mediante a implantación dun sistema de dispoñibilidade específica que permita aumentar a capacidade de resposta inmediata ante episodios de alta intensidade.

Máis medios materiais

O dispositivo contará desde este ano con dous novos avións de carga en terra  e un avión de coordinación, cuxa autorización de contratación se elevou tamén a este Consello da Xunta. Así mesmo, tamén está prevista unha nova licitación dun helicóptero pesado con maior volume de descarga. A maiores, seguirase avanzando na mellora das infraestruturas de loita contra o lume, especialmente nas bases aéreas, mellorando as existentes e construíndo outras novas. Destacan a base de helicópteros de Lalín, xa en construción, e o novo aeródromo de Valga.

A estas medidas súmase o despregamento de dos 18 lotes de maquinaria pesada ao longo de todo o territorio galego, así como 16 novos bulldózers, que desenvolverán labores preventivas no monte e que poderían ser mobilizados en caso necesario para tarefas de extinción. En total, disporase de 34 unidades,  de gran eficacia nas fases de ataque directo, remate e liquidación do lume, así como no traballo preventivo.

Actualización do Pladiga

O Pladiga é un documento que se actualiza anualmente e o cal ten por obxecto o establecemento da organización e o procedemento de actuación dos recursos e servizos para facer fronte aos incendios forestais dentro do territorio galego. Está integrado por catro plans: o de prevención; o de detección, disuasión, investigación e medidas correctoras; o de extinción, e o de formación, nos cales se recollen accións para levar a cabo en cada un destes ámbitos. Unha vez oído o Consello Forestal, a actualización aprobarase polo Consello da Xunta.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/03/2026