Arias urxe ao Concello de Lugo a asinar “sen máis escusas nin demoras” o convenio de Serra de Meira

Lembra que a Xunta leva máis de dous meses agardando por este trámite imprescindible para avanzar na mellora desta vía municipal, que financiará integramente con 1,1 millóns de euros

Lugo, 24 de marzo de 2026

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, urxiu hoxe ao Concello de Lugo a asinar “sen máis escusas nin demoras” o convenio necesario para poder avanzar na renovación integral da rúa Serra de Meira. Subliñou que a sinatura deste documento é un “trámite imprescindible” para que a Administración autonómica poida dispor dos terreos necesarios e iniciar os traballos neste viario de titularidade municipal, que financiará integramente cun orzamento de 1,1 millóns de euros.

Arias lembrou que o convenio foi remitido ao Concello o pasado 21 de xaneiro, “e máis de dous meses despois seguimos agardando”. Indicou así mesmo que, “atendendo ás peticións do goberno local e co obxectivo de axilizar o procedemento”, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas remitiu tamén posteriormente ao goberno local o proxecto técnico, “aínda que eran perfectamente coñecedores do mesmo, xa que foi consensuado en reunións previas entre representantes das dúas Administracións”.

Para o delegado, “os feitos demostran que non hai vontade real de axilizar esta actuación por parte do Concello”, ao que responsabiliza de “bloquear, unha vez máis, unha intervención prioritaria para a cidade e moi demandada polos veciños e veciñas”. Fronte a isto, subliñou que a Xunta “está a actuar con responsabilidade, cumprindo coas súas obrigas e mesmo asumindo o financiamento íntegro desta actuación, nunha vía municipal, que pasou dunha previsión de investimento inicial de 400.000 euros a superar o millón de euros”.

Advertiu que a demora na tramitación do procedemento “pon en risco os prazos previstos para licitar as obras no primeiro semestre deste ano” e apelou á responsabilidade do goberno local “para non seguir freando unha actuación clave que permitirá contar cunha rúa completamente renovada, máis segura e accesible”.

Arias lembrou que a actuación prevista pola Xunta na rúa Serra de Meira “vai moito máis alá dunha reurbanización ao uso” xa que, ademais de mellorar e ampliar a calzada e as beirarrúas, farase unha completa renovación dos servizos urbanos (saneamento, abastecemento de auga, electricidade, telefonía) e instalarase novo alumeado, mobiliario urbano e dúas marquesiñas de autobús. A maiores, para coidar a integración paisaxística co parque do Sagrado Corazón e a contorna próxima, plantarase novo arborado e acondicionaranse os itinerarios peonís

“O que buscamos é unha intervención acorde co peso que vai ter esta zona na nova configuración da cidade, xunto á nova estación Intermodal e ao ámbito do Sagrado Corazón onde se centra o proxecto da Xunta para a promoción de vivendas”, concluíu.

Data de actualización: 24/03/2026