A Xunta impulsa melloras en infraestruturas e servizos municipais do Pino con achegas que suman preto de 176.000 €

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes coñeceu as obras realizadas no campo de fútbol de Reboredo e no centro sociocultural Luis Seoane, así como as prestacións do equipamento para labores de roza adquirido a través dun convenio

A iniciativa enmárcase no apoio do Goberno galego ao eido local e especialmente ás localidades de menor poboación para garantir o equilibrio territorial

O Pino (A Coruña), 24 de marzo de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou o concello do Pino para coñecer as melloras realizadas co apoio da Xunta en infraestruturas e servizos municipais. A través de diferentes liñas de axuda, o Goberno galego destinou preto de 176.000 euros a obras no campo de fútbol de Reboredo e no centro sociocultural Luis Seoane, así como á adquisición de equipamento para labores de roza.

Así, Diego Calvo desprazouse ao campo de fútbol de Reboredo, onde se cambiou a cuberta do volume das bancadas cun investimento por parte da Xunta de case 18.000 euros. O obxectivo é garantir a seguridade e o benestar das persoas usuarias ante a deterioración da anterior cuberta, con fisuras que derivaron en filtracións.

O apoio autonómico para esta mellora canalizouse a través da Orde de infraestruturas de uso público. Dotada con 3,5 millóns de euros, a medida está destinada a localidades de menos de 30.000 habitantes co obxectivo de garantir o equilibrio territorial e que a poboación galega teñan unhas óptimas condicións de vida con independencia do seu lugar de residencia.

Na súa visita ao concello, o conselleiro tamén comprobou as prestacións do accesorio adquirido para o tractor municipal, destinado a traballos de roza e que supuxo unha achega por parte da Xunta de 40.000 euros a través dun convenio de colaboración. Búscase así facilitar a protección e o mantemento da contorna natural, especialmente mediante a limpeza de camiños e marxes co obxectivo de reducir o risco de incendios forestais.

A maiores disto, o Concello do Pino recibiu preto de 118.000 euros en dúas anualidades, 2024 e 2025, para a mellora enerxética do centro sociocultural Luis Seoane, a través da Orde plurianual de subvencións para a realización de obras de eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas municipais, dotada con 5 millóns de euros e cofinanciada con fondos Feder. A achega permitiu a rehabilitación do edificio, co cambio da carpintería exterior, a mellora da caldeira de calefacción e a substitución das lámpadas interiores por iluminación LED.   

Apoio específico aos concellos

O impulso a estas melloras súmase ao destinado ás obras do viario que vai de Louredo ao aeroporto de Santiago de Compostela, promovidas de xeito conxunto polos concellos do Pino e de Boqueixón e que o conselleiro visitou recentemente. Neste caso, o Goberno galego destinou preto de 44.000 euros ás obras de pavimentación e limpeza de cunetas a través da Orde de Infraestruturas de uso público.

Cómpre lembrar que Goberno galego abre cada ano diversas liñas específicas para os concellos. A través delas o concello do Pino recibiu nos últimos exercicios preto de 666.500 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/03/2026