Galicia asiste á revisión anual dos fondos FEDER e de transición xusta co obxectivo de reforzar a coordinación entre administracións e afrontar novos retos
O director xeral de Cohesión e Fondos Europeos, Ángel Tarrío Tobar, asiste á xuntanza, que permitirá avaliar o avance de ambos programas e compartir boas prácticas entre Administracións para mellorar a súa execución
Galicia presentará a súa experiencia na aplicación de Restore nunha sesión centrada na adaptación ao cambio climático e na xestión de catástrofes naturais
Madrid, 24 de marzo de 2026
O director xeral de Cohesión e Fondos Europeos da Consellería de Facenda e Administración Pública, Ángel Tarrío Tobar, asiste hoxe en Madrid á primeira xornada da reunión de revisión anual de rendemento dos Fondos FEDER e de Transición Xusta, co obxectivo de reforzar a coordinación entre Administracións, mellorar a calidade da execución dos fondos europeos e avanzar na identificación de solucións comúns aos retos do actual período de programación, favorecendo unha implementación máis eficiente e orientada a resultados.
Este encontro, que terá lugar entre hoxe e mañá, reunirá á Comisión Europea, ás comunidades autónomas e ao Ministerio de Hacienda co fin de analizar o estado de execución dos programas do período 2021-2027, avaliar os avances acadados e abordar os principais retos, así como intercambiar experiencias e boas prácticas entre Administracións.
Durante a primeira xornada, na que se abordarán cuestións relacionadas coa adaptación ao cambio climático e á xestión de catástrofes naturais, incluíndo a integración do principio de climate proofing nas actuacións financiadas, Galicia compartirá a súa experiencia na aplicación do instrumento Restore.
Así mesmo, desenvolveranse sesións temáticas centradas na dixitalización e no uso de tecnoloxías emerxentes, así como na eficiencia enerxética, nas que se presentarán experiencias de diferentes organismos intermedios en relación coa execución das intervencións previstas nos programas.
Por outra banda, o mércores, avaliarase o balance da revisión intermedia e a súa relación coas recomendacións do semestre europeo, ademais de aspectos de xestión, entre os que destacan o seguimento das recomendacións de avaliación, a iniciativa New European Bauhaus ou as estratexias de comunicación dos fondos europeos.
De maneira complementaria, e fóra do programa oficial, celebrarase tamén unha xuntanza para avaliar a situación da execución do Fondo de Transición Xusta, co fin de realizar un seguimento detallado do seu desenvolvemento e identificar posibles melloras.