O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, xunto coa secretaria xeral técnica da Consellería, Natalia Lobato, detallou en rolda de prensa a adhesión do sindicato O’Mega ao acordo de primaria que permitiu a desconvocatoria do paro indefinido

A Xunta resalta o acordo acadado xa con 6 sindicatos para a mellora da atención primaria en Galicia e chama á ministra de Sanidade a negociar de verdade sobre o Estatuto Marco

As negociacións entre a Consellería de Sanidade e o sindicato médico O’Mega permiten poñerlle fin ao paro indefinido de facultativos que provocou a suspensión de máis de 72.000 consultas en centros de saúde desde o pasado 2 de marzo

Continuará a reconversión das prazas de facultativo especialista de atención primaria na de médico de familia, medida xa en marcha

Reafírmase o compromiso de fixar novos criterios de cómputo de xornada nos puntos de atención continuada antes de xuño

A partir de 2027 revisaranse os plans funcionais dos PAC a 31 de marzo de cada ano para avaliar as necesidades de efectivos, tendo en conta os recursos dispoñibles

Confirma a folla de ruta da Xunta de presentar no segundo trimestre un acordo de voluntariedade incentivada para cubrir gardas nos PAC e crear novas prazas

Séguese a liña do acordo acadado co sindicato médico Simega para limitar a axenda de medicina de familia a 30 citas, garantindo a asistencia de emerxencias e con mecanismos para atender a sobredemanda

Todas as medidas asinadas con O’Mega serán abordadas nos foros de representación oficial do persoal da sanidade pública, algo co que o sindicato manifestou conformidade

Gómez Caamaño critica o enfrontamento que mantén a ministra de Sanidade co colectivo médico, que supuxo suspender máis de 177.000 actos médicos, entre operacións, probas diagnósticas e consultas hospitalarias

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, remarcou o acordo acadado xa con seis sindicatos para a mellora da atención primaria en Galicia, tras adherirse na noite de onte o sindicato médico O’Mega, e fixo un chamamento á ministra de Sanidade, Mónica García, a negociar de verdade sobre a reforma do Estatuto Marco.

Gómez Caamaño, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado pola secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, comezou agradecendo o esforzo negociador do persoal do seu departamento e a vontade de diálogo amosada esta semana por parte de O’Mega.

Así, a pasada noite pechouse un acordo polo que este sindicato médico se adhire ao marco establecido en novembro con cinco formacións sindicais: CC.OO., UXT, CSIF, Simega e SATSE.

O acordo asinado na noite de onte entre a Consellería de Sanidade e O’Mega permite desconvocar a folga indefinida en atención primaria que este sindicato médico iniciou o 2 de marzo e que supuxo a suspensión de 72.124 consultas nos centros de saúde.

Gómez Caamaño detallou os compromisos asinados co sindicato O’Mega, que afondan no obxectivo da Xunta de garantir unha asistencia sanitaria de calidade nun contexto marcado polo déficit acusado de profesionais de atención primaria.

Neste sentido, reafírmase o compromiso de reverter de forma progresiva a categoría de facultativo especialista de atención primaria na de médico de familia. “Esta iniciativa xa está en marcha como consecuencia dos acordos de novembro e o obxectivo é ter reconvertidas todas as prazas a finais de 2029”, reiterou o conselleiro de Sanidade.

Tal e como acordara a Consellería de Sanidade con outras formacións sindicais, recóllese o compromiso de fixar novos criterios de cómputo de xornada de punto de atención continuada antes de xuño e con efectos retroactivos a 1 de xaneiro de 2026.

Outras iniciativas de mellora para o persoal de PAC son a revisión, a partir de 2027, dos plans funcionais anualmente, a 31 de marzo de cada exercicio, co fin de avaliar a necesidade de incrementar o número de efectivos, tendo en conta os recursos dispoñibles, e tamén presentar no segundo trimestre de 2026 o acordo de voluntariedade incentivada para realizar gardas nos PAC e crear novas prazas.

Ademais, reducirase o tramo para obter a retribución da xornada complementaria, pasando, este ano, desde as 160 horas actuais a 140 horas, continuando nesa liña progresivamente.

Gómez Caamaño destacou a continuidade que se dá ao acordo xa alcanzado co sindicato médico Simega, reflectido tamén no compromiso asinado con O’Mega, para avanzar na limitación efectiva a 30 actos asistenciais das axendas dos médicos de atención primaria. “Isto, en todo caso, garantindo a asistencia sanitaria de emerxencia e establecendo mecanismo para absorber a sobredemanda”, apuntou o conselleiro.

Todas estas medidas serán abordadas nos foros de negociación oficialmente establecidos no Servizo Galego de Saúde, algo co que o sindicato médico O’Mega manifesta a súa conformidade.

O conselleiro de Sanidade aproveitou para reiterar o ofrecemento ao sindicato CIG para que se sume á negociación da reforma da atención primaria pactada xa 6 forzas sindicais, tendo en conta hoxe se celebra unha xuntanza co comité de folga do sindicato nacionalista, que é o único que nestes momento se mantén fóra do acordo para a mellora da atención primaria.

Petición de negociación ao Ministerio

Na súa intervención, Gómez Caamaño emprazou ao Goberno de España e á ministra de Sanidade a seguir o exemplo de diálogo e de negociación de Galicia. Destacou que “é urxente un cambio de rumbo” na actitude da ministra Mónica García que permita “realmente buscar e acadar un entendemento imprescindible” co colectivo médico en relación ao Estatuto Marco. 

O conselleiro adiantou que este mesmo venres lle trasladará persoalmente á ministra de Sanidade, durante o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, a reclamación de que faga un esforzo real de negociación co colectivo médico ante a súa oposición á reforma promovida polo Goberno central do Estatuto Marco. “Por petición unánime de todas as comunidades autónomas abordarase o impacto das folgas contra o Estatuto Marco nos sistemas sanitarios públicos”, insistiu o conselleiro.

No caso de Galicia, a folga dos facultativos contra o Estatuto Marco promovido polo Goberno central implicou, ata o de agora, a suspensión de máis de 177.000 actos médicos, entre operacións, consultas hospitalarias de especialista e probas diagnósticas.

“O enfrontamento que mantén a ministra Mónica García co colectivo médico de toda España é insostible e está a poñer contra as cordas aos pacientes e ao funcionamento da sanidade pública”, lamentou Gómez Caamaño.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/03/2026