A Xunta gaba o labor do colexio de Seixalbo para reforzar a competencia lectora do seu alumnado
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa visita o centro para coñecer os distintos programas impulsados co apoio da Consellería na biblioteca escolar
Ourense, 25 de marzo 2026
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe o Colexio Plurilingüe de Seixalbo, en Ourense, onde coñeceu de primeira man o funcionamento dos distintos programas que leva a cabo a través da biblioteca escolar do centro e que constitúen “un apoio importante apoio na mellora da competencia lectora do alumnado”. Un eido que este curso se veu reforzado coa Hora de ler, un tempo diario blindado dentro do horario lectivo no que os alumnos tanto de Infantil como de Primaria dedican á lectura.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP subliñou que, ademais da adquisición de coñecementos, estes programas supoñen unha oportunidade para fortalecer o traballo en equipo, a inclusión e a convivencia. Judith Fernández aproveitou a súa visita ao centro para coñecer a obra de ampliación do espazo da biblioteca escolar, que conta cun laboratorio de radio. Desde o curso 2022/23 o CEIP de Seixalbo participa no Plan de mellora de bibliotecas escolares, Plambe, así como nos de Biblioteca creativa e Club de lectura impulsados pola Consellería.
Así mesmo, a través do Plan MEGA de mellora educativa de Galicia o centro busca mellorar os centros escolares mediante a implementación de proxectos de innovación, enfocándose na mellora da competencia matemática e da comprensión lectora, na internacionalización do alumnado e mais na sostibilidade.