Doce centros da provincia de Pontevedra participan este curso no programa ‘Cinema con perspectiva’
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, asiste á proxección dunha curta sobre igualdade no Colexio de Corvillón
O obxectivo da iniciativa é promover a consecución efectiva da igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes e previr a violencia de xénero
Cambados (Pontevedra), 26 de marzo de 2026
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, asistiu hoxe á proxección dunha curtametraxe sobre igualdade de xénero no Colexio de Corvillón en Cambados. A actividade enmárcase no programa Cinema con perspectiva, no que este curso participan 12 centros da provincia de Pontevedra, que a Xunta desenvolve en colaboración coa asociación cultural Festival Internacional Cinema de Bueu (FICBUEU) e que se dirixe a alumnado de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de Educación Secundaria Obrigatoria.
Un total de 30 centros de toda Galicia participan este curso neste programa, que se leva a cabo a través de dúas actividades. Por unha banda, a proxección dunha curtametraxe para fomentar entre o alumnado a reflexión sobre o papel da muller na sociedade, a violencia de xénero e as desigualdades. Unha vez concluído o visionado ten lugar un coloquio moderado por un especialista, co fin de estimular a capacidade reflexiva e analítica do alumnado sobre os valores e as mensaxes ocultas en materia de igualdade presentes nas filmacións.
A segunda actividade consiste nun obradoiro educativo para a creación dunha produción audiovisual (curtametraxe, anuncio publicitario, vídeo musical, entrevista...) sobre igualdade de xénero, o que permite aos estudantes adquirir formación básica sobre linguaxe audiovisual entre outras competencias.
A relación de centros participantes no programa da provincia é a seguinte:
|
Concello |
Centro |
|
A Guarda |
CEIP Plurilingüe As Solanas - Nicolás Gutiérrez Campo |
|
A Guarda |
IES A Sangriña |
|
Vigo |
IES de Beade |
|
Cambados |
CEIP de Corvillón |
|
Pontevedra |
IES Sánchez Cantón |
|
Salvaterra de Miño |
CEIP Plurilingüe de Leirado |
|
Soutomaior |
IES de Soutomaior |
|
Tui |
CEIP Plurilingüe de Guillarei |
|
Vigo |
IES Castelao |
|
Vigo |
IES Rosais 2 |
|
Vigo |
CEP Plurilingüe Igrexa-Valadares |
|
Vilaboa |
CPI do Toural |
Cinema con perspectiva enmárcase na Estratexia galega de convivencia escolar, que promove a educación no respecto e na promoción dos dereitos e das liberdades fundamentais, na consecución efectiva da igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes e na igualdade de trato e non discriminación ás persoas en función da súa condición sexual. Ao mesmo tempo, búscase previr a violencia de xénero.