Román Rodríguez salienta o papel da Feira educativa de Ourense para axudar ao alumnado a elixir que estudar

O conselleiro visita a mostra que reúne a 2.500 alumnos co fin de achegar a oferta de FP, universidades e proxectos innovadores dos centros educativos

A iniciativa forma parte do calendario Galicia Educa, impulsada pola Xunta en colaboración con distintas entidades e que inclúe 16 citas ao longo do curso

Ourense, 26 de marzo de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou hoxe a II Feira de Educación de Ourense, un encontro que reúne durante dous días a arredor de 2.500 estudantes en Expourense. A cita busca facilitar a difusión da oferta formativa entre os alumnos da provincia, de maneira que lles axude a elixir os estudos que prefiran. Ademais, facilita a posta en común de experiencias innovadoras desenvolvidas nos centros escolares.

Durante o percorrido, no que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, o conselleiro destacou que esta feira “é unha oportunidade para amosar o traballo innovador que se está a desenvolver nas aulas e para achegar ao alumnado as distintas opcións do seu futuro académico e profesional”. Román Rodríguez puxo tamén en valor o papel destes encontros como espazos de colaboración, nos que conflúen administracións, centros e entidades diversas, favorecendo así o intercambio de experiencias e o coñecemento mutuo dentro da comunidade educativa.

A feira conta con 47 expositores, entre eles un do Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros e oito centros que imparten estas ensinanzas e ofrecen información detallada sobre titulacións, modalidades, acceso, acreditación de competencias e saídas profesionais. Ademais, a Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Failde presenta a súa oferta. Participan, así mesmo, organismos como a Policía Nacional e a Garda Civil.

Visilibizar boas prácticas

Tamén están presentes as tres universidades públicas e o Centro Superior de Hostalería de Galicia. Xunto a eles, oito centros da provincia expoñen proxectos innovadores que reflicten o traballo diario, con iniciativas centradas na a inclusión, a convivencia, a radio escolar e as propostas STEAM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas).

A II Feira Educativa de Ourense forma parte do calendario Galicia Educa, unha iniciativa impulsada pola Xunta en colaboración con diferentes entidades que engloba 16 eventos ao longo do curso en toda a Comunidade co obxectivo de mellorar a orientación vocacional do alumnado e dar visibilidade á calidade do sistema educativo galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/03/2026