A Xunta licita por 12,5 M€ a compra de produtos hemostáticos, adhesivos, seladores e antiadherentes cirúrxicos para as sete áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde

As empresas interesadas teñen de prazo ata o 27 de abril para presentar as súas ofertas

Estes produtos son especialmente útiles en sangrados difusos que non son facilmente abordables coas técnicas cirúrxicas tradicionais

Trátase da primeira compra centralizada deste material, coa cal se estima un aforro de máis de 723.000 euros por ano, un total de 3,6 millóns de euros no período de vixencia do contrato coas posibles prórrogas

O número de unidades que se van adquirir no marco deste contrato supera as 103.000, tendo en conta o histórico de consumos do Sergas dos últimos anos

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2026

O Portal de Contratos Públicos da Xunta publica, por medio da Consellería de Sanidade, a licitación da subministración sucesiva de produtos hemostáticos, adhesivos, seladores e antiadherentes cirúrxicos para os servizos cirúrxicos e intervencionistas dos hospitais das sete áreas sanitarias, por un importe de 12.540.209 euros e un período inicial de tres anos.

As empresas interesadas nesta contratación teñen de prazo ata o 27 de abril para presentar as súas ofertas.

O valor estimado do contrato, atendendo ás posibles prórrogas por outros dous anos máis, ascende a 21.075.329 euros.

Trátase da primeira compra centralizada deste tipo de material sanitario, coa cal se estima acadar un aforro de máis de 723.000 euros por ano, o que supón un total de 3,6 millóns de euros nos cinco anos de vixencia do contrato, coas posibles prórrogas.

Complemento alternativo

O control do sangrado intra e postoperatorio ou intervencionista contrólase con técnicas cirúrxicas estándares (electrocauterización, ligadura de vasos ou suturas). Con todo, en moitas ocasións é necesario aplicar outros produtos tópicos (como axentes físicos, axentes bioloxicamente activos) e adhesivos, como complemento alternativo ás técnicas cirúrxicas convencionais. Este tipo de materiais son especialmente útiles en sangrados difusos que non son facilmente abordables coas técnicas cirúrxicas tradicionais.

Os produtos obxecto da compra autorizada hoxe é un grupo heteroxéneo en canto a formas de presentación, materiais de composición, tamaños e indicacións que pretende abarcar a maioría das necesidades que presentan os pacientes atendidos no Servizo Galego de Saúde.

Por iso, para desenvolver o contrato constituíuse un grupo técnico formado por facultativos especialistas de cirurxía torácica, cirurxía xeral, cirurxía cardíaca, cirurxía vascular e neurocirurxía.

O número de unidades de produtos hemostáticos, adhesivos, seladores e antiadherentes cirúrxicos que se adquirirán no marco deste contrato supera as 103.000 unidades, tendo en conta o histórico de consumos do Servizo Galego de Saúde nos últimos anos. 

Material que se subministrará

Entre o material que se subministrará a través deste contrato están os parches hemostáticos e selantes, que prevén fugas de fluídos corporais como pancreáticas e de líquido cefalorraquídeo; parches de coláxeno con indicacións en procedementos de cirurxía cardiovascular e torácica; e tamén en implantes de marcapasos e desfibriladores, así como outras especialidades.

Os apósitos de xelatina con coláxeno, para a xestión do sangrado intra e poscirúrxico, así como feridas traumáticas sangrantes; os apósitos de quitosano, que se utilizan nalgunhas ocasións tras procedementos intervencionistas (hemodinámica, electrofisioloxía, neurorradioloxía ou radioloxía vascular), así como os xeles hemostáticos de coláxeno, que teñen aplicación tanto en cirurxía aberta como laparoscópica e actúan independentemente da situación de coagulación do paciente, son outros dos materiais que se subministrarán a través deste contrato.

Xunto con isto, tamén se mercarán poshemostáticos, que teñen indicación tanto en cirurxía aberta, laparoscópica e endoscopia dixestiva, con capacidade a través da pulverización de abarcar amplas superficies sangrantes; adhesivos selantes de orixe sintética e biolóxica, con utilidade en distintas especialidades cirúrxicas; seladores de duramáter, produtos sintéticos absorbibles que producen unha selaxe logo da súa aplicación, o que impide a fuga de líquido cefalorraquídeo tras procedementos neurocirúrxicos; ou membranas sintéticas antiadherencias, que resultan de utilidade para a prevención de adherencias en pacientes que potencialmente poden ser reintervidos ou en aquelas situacións en que una adherencia poscirúrxica pode comprometer a fertilidade da muller en cirurxías pélvicas.

Por  último, as pulseiras de compresión radial, accesorios que se usan para aplicar e manter presión logo dun procedemento intervencionista sobre a arteria radial, tamén se subministrarán a través desta licitación.

Data de actualización: 27/03/2026