Martina Aneiros dá a benvida aos policías estranxeiros que participan esta Semana Santa no Proxecto Comisarías Europeas

Luisa Deelman, de Alemaña, e Carlo Mincone, de Italia, súmanse aos axentes da Comisaría da Policía Nacional Ferrol-Narón ata o 6 de abril

A delegada destacou a súa chegada “nunha época tan boa para descubrir as nosas tradicións como é a Semana Santa”

Ferrol, 24 de marzo de 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, recibiu esta mañá na Delegación Territorial á comisaria da Policía Nacional de Ferrol-Narón, Cristina Ochoa, con motivo do Proxecto Comisarías Europeas. Xunto a Ochoa, acudiron Luisa Deelmann e Carlo Mincone, os dous policías estranxeiros que están a participar neste programa dende o 27 de marzo ata o 6 de abril, coincidindo coa Semana Santa.

A delegada eloxiou o traballo da Policía Nacional nestes días de maior movemento na cidade e aproveitou para darlles a benvida aos policías estranxeiros, aos que desexou unha boa estadía en Ferrol “nunha época tan boa para descubrir as nosas tradicións como é a Semana Santa”.

Durante a súa estancia na cidade, Deelmann, que chega do corpo de Policía Estatal de Alemaña (Landespolizei), e Mincone, membro da Policía do Estado de Italia (Polizia di Stato), realizarán, entre outras funcións, patrullas a pé e en vehículo polas zonas con maior afluencia de turistas, onde poderán tomar contacto coa cidadanía en xeral e asistir en labores de tradución a turistas dos seus países de orixe. Ademais, estes policías utilizarán o uniforme de servizo do seu corpo.

O Proxecto Comisarías Europeas iniciouse no ano 2008 en colaboración con Francia, ampliándose en 2012 con Portugal, en 2014 con Italia e no 2020 con Alemaña, incorporándose cada ano novos desprazamentos debido á boa acollida en España e no estranxeiro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/03/2026