Arredor de 1.500 alumnos de 20 centros aprenden a resolver os conflitos desde a mediación pacífica co novo programa Acordamos Convivir

A Xunta impulsa esta iniciativa piloto coa Fundación Sergio Villar dentro da aposta por manter un bo clima de convivencia na aulas e eliminar a lacra do acoso escolar

A Consellería de Educación proporciona aos centros participantes recursos específicos para o fomento do respecto e das condutas empáticas

Súmase a un amplo abano de iniciativas neste eido impulsadas o Goberno galego, como os Puntos Laranxa, o Termómetro ou a Rede de Concellos contra o Acoso

Santiago de Compostela, 05 de abril de 2026

Arredor de 1.500 alumnos de 5º e 6º de Primaria e dos catro cursos de Educación Secundaria Obrigatoria de 20 centros de ensino galegos están a aprender a facer fronte aos conflitos desde a mediación pacífica a través do novo programa Acordamos ConVivir.

A iniciativa piloto, impulsada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, enmárcase na aposta da Xunta, como prioridade de goberno, por manter un bo clima de convivencia nas aulas e eliminar a lacra do acoso escolar. Realízase en colaboración coa Fundación Sergio Villar, creada para promover os valores de solidariedade, convivencia e apoio a colectivos vulnerables e que desenvolve parte da súa actividade en centros educativos da provincia da Coruña.

O programa desenvólvese en tres fases, ao longo das que o departamento educativo do Goberno galego proporciona aos centros participantes recursos específicos para a resolución pacífica dos conflitos e o fomento dunha educación baseada na convivencia, e o respecto, así como na promoción da non violencia en todos os ámbitos da vida persoal, familiar e social, con especial atención ao acoso e ao ciberacoso.

As tres fases do proxecto

A primeira delas consiste nunha reunión co centro para recoller información inicial sobre as súas necesidades e particularidades, o que facilita a comunicación e o deseño personalizado das actuacións a implementar. A partir de aí, os estudantes participan en obradoiros sobre mediación de 50 minutos de duracións impartidos por unha entidade externa especializada.

Os talleres van dirixidos a identificar os principais elementos que configuran a conduta colaborativa (empatía, cooperación, diálogo...) como promotores de relacións sociais satisfactorias, sensibilizar sobre a necesidade de educar na xestión positiva dos conflitos co fin de previlos e practicar técnicas de comunicación afectiva consciente que favorecen a cooperación, a responsabilidade e o coidado das outras persoas.

A terceira fase, opcional para os centros, céntrase na organización de charlas informativas para profesorado e familias co fin de dar a coñecer estas prácticas e os seus efectos positivos. Desenvólvese unha por cada centro participante, cunha duración de dúas horas e media en horario de tarde para facilitar a asistencia.

A relación de centros seleccionados é a incluída na seguinte táboa:

Concello

Centro

Provincia da Coruña

Cerceda

CPI Plurilingüe O Cruce

A Coruña

IES Salvador de Madariaga

A Coruña

IES Agra do Orzán

Ferrol

IES Concepción Arenal

Vedra

CPI Plurilingüe de Vedra

Fene

CEIP Plurilingüe de Centieiras

Provincia de Lugo

Friol

CPI Plurilingüe Dr. López Suárez

Vilalba

IES Santiago Basanta Silva

Lugo

CEIP de Casás

Burela

IES Monte Castelo

Foz

CEIP O Cantel

Viveiro

CEIP Plurilingüe de Covas

Monforte de Lemos

CEIP Plurilingüe de Monforte de Lemos

Ribadeo

IES de Ribadeo Dionisio Gamallo

Provincia de Ourense

O Carballiño

IES Nº 1

Provincia de Pontevedra

Cangas

IES María Soliño

Vilanova de Arousa

CEIP Plurilingüe de San Bartolomé

Vigo

CEIP Plurilingüe García Barbón

Mos

CEIP Mestre Valverde Mayo

Gondomar

CEP Xosé Neira Vilas

Amplo abano de iniciativas

Acordamos Convivir enmárcase na Estratexia galega de convivencia escolar 2025, a través da que a Xunta está a intensificar as actuacións para erradicar as condutas contrarias á convivencia nos centros e blindalos como espazos referentes neste eido. Súmase a un amplo abano de iniciativas neste eido impulsadas desde a Consellería de Educación, como a prohibición do uso dos móbiles nos centros, os Puntos Laranxa, o Termómetro Acoso Escolar, a actualización do Protocolo contra a violencia no ámbito educativo ou a Guía para a abordaxe dos problemas de conduta no ámbito educativo,

Ademais, a Consellería e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), asinaron recentemente a constitución da nova Rede de Concellos contra o Acoso Escolar, que se porá en marcha este ano con fin de fortalecer a coordinación entre institucións para a sensibilización, prevención e actuación ante esta problemática.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/04/2026