A Xunta destinará 5,3 M€ á adquisición de vacinas fronte ao pneumococo para manter o calendario de inmunización máis completo do mundo

O titular do Goberno galego sinala que a vacinación está indicada para bebés aos 2, 4 e 6 meses, cun recordo aos 11 meses

A infección por streptococus pneumoniae pode producir enfermidades graves como pneumonía, meninxite ou sepse

Salienta que Galicia conta con coberturas vacinais superiores á media do Estado, do 97 % na infancia con pauta completa e dose de recordo

Tamén se ofrece ao cumprir 65 anos e a determinados grupos de risco

O Goberno galego ampliará proximamente o calendario de vacinación e incorporará unha nova vacina fronte ao meningococo B para adolescentes aos 12 anos

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello, na súa reunión semanal, autorizou a subministración sucesiva, por importe de 5.392.816 euros, da vacina 20 valente fronte ao pneumococo, que forma parte do calendario galego de vacinación, “o máis completo do mundo”.

Segundo informou o titular do Executivo autonómico, está previsto adquirir 110.000 doses para cubrir as necesidades de vacinación fronte ao pneumococo por 12 meses. O valor estimado do contrato ascende a 16.593.280 euros, en  caso dunha posible prórroga, máxima de dous anos, e dunha eventual modificación do contrato inicial do  20 %.

O programa galego de vacinación inclúe no seu calendario a vacina antipneumocócica conxugada de 20 serotipos para a prevención da enfermidade invasiva e pneumonía causada pola bacteria streptoccocus pneumoniae. A infección por esta bacteria produce desde enfermidades leves do tracto respiratorio superior ata formas graves como pneumonía, meninxite ou sepse. Estas formas graves da enfermidade, aínda que menos frecuentes, xeran unha maior morbimortalidade, é dicir, unha maior posibilidade de falecemento a causa da patoloxía.

A vacinación fronte á enfermidade pneumocócica diminúe a morbimortalidade, especialmente pola enfermidade pneumocócica invasiva, e tamén contribúe a reducir a necesidade de antibióticos e as súas resistencias.

A vacina obxecto do contrato, a diferenza de formulacións anteriores, provoca memoria inmunolóxica e tamén induce á inmunidade local a nivel das mucosas, polo que diminúe a colonización nasofarínxea e repercute na menor transmisión da enfermidade.

Rueda sinalou que está indicada para bebés aos 2, 4 e 6 meses, ademais dun reforzo aos 11 meses. En adultos, vacínanse as persoas cando cumpren 65 anos e tamén determinados grupos de risco como pacientes inmunocomprometidos, con neoplasias hematolóxicas, con síndrome de Down ou enfermidade hepática crónica grave como cirrose.

O presidente destacou que Galicia conta con datos de cobertura “superiores á media estatal”. No que respecta á infancia, chega ao 97 % nos nenos e nenas con pauta completa e dose de recordo. En canto ás persoas de 65 anos, a cobertura é do 52,6 %.

Ampliación do calendario

Tal e como anunciou o presidente da Xunta no Pleno do Parlamento, Galicia ampliará proximamente o calendario de vacinación infantil da sanidade pública. Ademais das dúas vacinas actuais contra a meninxite, proximamente incluirase unha nova vacina fronte ao meningococo B, que se administrará aos adolescentes cando cumpran 12 anos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/04/2026