O conselleiro de Sanidade, acompañado do director do 061, asinou esta mañá o acordo co delegado da Fundación Hospitalaria da Orde de Malta

A Xunta e a Orde de Malta reforzan a súa colaboración na atención aos peregrinos cun dispositivo especial para o Xacobeo 2027

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e a Orde de Malta renovan a súa colaboración para a atención sanitaria básica aos peregrinos que se acheguen ata Compostela

Mediante o convenio asinado hoxe habilitarase un dispositivo asistencial na Praza do Obradoiro no que se realizarán curas e valoracións sanitarias iniciais, facilitando a derivación ao sistema sanitario público no caso de ser preciso

O acordo estenderase ata o 31 de marzo de 2028, coa posibilidade de ser prorrogado por catro anos máis

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2026

O conselleiro de Sanidade e presidente da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Antonio Gómez Caamaño, e o delegado da Fundación Hospitalaria da Orde de Malta, Enrique Marchesi-Herce, asinaron esta mañá un novo convenio de colaboración para garantir a asistencia sanitaria básica aos peregrinos que chegan a Santiago de Compostela.

O acordo dá continuidade á liña de cooperación iniciada no ano 2021 entre ambas as institucións e pon o foco no vindeiro Ano Santo Xacobeo 2027, onde se prevé a organización dun dispositivo extraordinario de reforzo asistencial aos peregrinos.

O convenio establece a posta en marcha dun dispositivo ordinario de asistencia sanitaria básica que se situará na Praza do Obradoiro. Trátase dun espazo no que se ofrecerá unha valoración inicial, curas e estabilización aos peregrinos, facilitando a derivación ao sistema sanitario público, naqueles casos nos que sexa necesario.

Mediante este acordo, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asumirá a dirección técnica e sanitaria, ademais de dotar o posto de socorro con material sanitario, equipamento e persoal especializado. Pola súa banda, a Orde de Malta cederá as súas instalacións e achegará o apoio loxístico, organizativo e persoal voluntario para desenvolver tarefas auxiliares non sanitarias.

Ao acto de sinatura do convenio de colaboración, que tivo lugar na sede da Consellería de Sanidade, tamén asistiron o director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Román Gómez, e o subdelegado da Orde de Malta en Galicia,  Rafael Vidal.

A vixencia do convenio estenderase ata o 31 de marzo de 2028, coa posibilidade de ser prorrogado por catro anos máis.

Contará cunha Comisión de Seguimento e un Informe final no que se rexistrará o número de atencións, as patoloxías e outros datos relevantes sobre a asistencia prestada aso peregrinos.

Reforzo extraordinario para o Xacobeo 2027

Entre as novidades que recolle o convenio destaca a activación dun dispositivo extraordinario con motivo do Ano Santo Xacobeo 2027.

Este dispositivo contará cunha importante ampliación de recursos, ao incorporar uns horarios máis extensos, máis persoal e a instalación de carpas adicionais.

Así mesmo, o convenio contempla a posta en marcha dun plan de continxencia específico para atender aos peregrinos durante o ano xubilar e facer fronte a situacións como golpes de calor, deshidratacións ou emerxencias de tipo colectivo.

A eficacia desta colaboración quedou demostrada durante a campaña estival de 2024 (do 14 de xullo ao 18 de agosto), na que foron atendidas 133 persoas. Destas atencións, o 68 % correspondéronse con lesións cutáneas por rozaduras e o 15 % foron motivadas por dores agudas derivadas de escordaduras ou sobrecargas musculares.

O 96 % das asistencias foron resoltas no propio dispositivo, sen necesidade de derivar aos pacientes a outros centros sanitarios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/04/2026