A directora xeral de Patrimonio Natural participou na inauguración da IV Xornada técnica transfronteiriza Gerês-Xurés
A Xunta pon en valor a cooperación e o intercambio de coñecementos coa Rexión Norte de Portugal na xestión dos espazos naturais protexidos do Gerês-Xurés
Marisol Díaz indica que a condición de reserva de biosfera transfronteiriza ofrece a oportunidade única de construír modelos de xestión compartidos que garantan unha conservación máis eficiente destes parques naturais
Lobios (Ourense), 7 de abril de 2026
A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, puxo hoxe en valor a cooperación e o intercambio de coñecementos coa Rexión Norte de Portugal na xestión dos espazos naturais protexidos no marco da IV Xornada técnica transfronteiriza Gerês-Xurés, que se celebrou no centro de visitantes do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.
Segundo dixo Marisol Díaz, que estivo acompañada da directora rexional da Conservação da Natureza e Florestas do Norte e vogal do Conselho Diretivo do Instituto da Conservação da Natureza e das Florestas (ICNF), Sandra Sarmento, o territorio transfronteirizo Gerês-Xurés, constitúe “un dos mellores exemplos de colaboración entre Galicia e Portugal”.
Nesa liña, a directora xeral indicou que a condición de reserva de biosfera transfronteiriza ofrece a oportunidade única de “construír modelos de xestión compartidos” que garantan unha conservación máis eficiente destes espazos naturais.
De feito, na xornada que se celebra hoxe abórdanse diversos aspectos de grande interese para coñecer mellor o funcionamento destes ecosistemas e para avanzar cara a modelos de xestión máis eficientes e sostibles, que garantan a preservación da biodiversidade así como un desenvolvemento respectuoso co medio ambiente.
En concreto, trátanse cuestións relacionadas coa posta en valor do patrimonio xeolóxico, a restauración de hábitats, o seguimento de especies como o lobo ou estratexias de prevención e análise das causas dos incendios forestais. Ademais, tamén se analizará a presentación dun novo proxecto ao Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg España-Portugal (POCTEP) co obxectivo de dar continuidade ás liñas de actuación xa determinadas e consolidar a folla de ruta común para a xestión sostible deste territorio transfronteirizo.
A maiores, tamén se abordarán iniciativas enfocadas á innovación dixital. Neste punto, Marisol Díaz fixo fincapé en que a Xunta está a ultimar o proxecto de museo virtual do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, logo de que se puxese en marcha o do Parque de Corrubedo. Será así o segundo espazo protexido que conte con esta experiencia interactiva que pretende achegar o patrimonio ambiental e cultural á cidadanía a través das novas tecnoloxías.
O obxectivo desta iniciativa é permitir visitar e explorar este espazo protexido desde calquera lugar, sen límites físicos e combinando divulgación científica, contidos culturais e unha experiencia visual inmersiva.
Cómpre lembrar que as preto de 30.000 hectáreas que abarca o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés e as preto de 50.000 ha do Parque Nacional Peneda-Gerês conforman un territorio cunha rede hidrográfica densa, ecosistemas en bo estado de conservación e especies de fauna e flora de excepcional interese para a preservación da natureza e a biodiversidade.