O conselleiro de Sanidade, acompañado do delegado territorial da Xunta, do xerente da área sanitaria e do director de Urxencias Sanitarias de Galicia, visitou a base medicalizada do 061 en Pontevedra
Gómez Caamaño salienta a publicación no 'Diario Oficial de Galicia' da nova lei que blinda a protección do persoal da sanidade e prevé sancións por agresións aos técnicos de emerxencias
O titular de Sanidade da Xunta incide en que a modificación da Lei de Saúde, que entra en vigor mañá, é unha reforma histórica, xa que blinda a protección de todo o persoal da sanidade, con independencia da titularidade pública ou privada do centro sanitario de prestación do servizo
Subliña que a lei céntrase no reforzo da prevención, a formación e a protección das vítimas
Refire que esta medida dá resposta a novas formas de violencia, recoñecendo, ademais da física e a verbal, a violencia dixital
Destaca o investimento da Xunta de 100.000 euros para a reforma integral da base medicalizada do 061 en Pontevedra, garantindo un maior confort para o persoal, maior funcionalidade e unha mellora da eficiencia enerxética
Pon en valor o traballo esencial que realizan cada día os profesionais do 061
Pontevedra, 7 de abril de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, salientou a publicación, no Diario Oficial de Galicia de hoxe, da modificación da Lei de Saúde de Galicia, que aprobou recentemente o Parlamento galego, e que blinda a protección do persoal da sanidade, ademais de prever sancións por agresións aos técnicos de emerxencias sanitarias.
O titular da carteira sanitaria, acompañado do delegado territorial da Xunta, Agustín Reguera, do xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, e do director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia, Román Gómez, visitou a base medicalizada do 061 na cidade do Lérez.
Nas súa intervención no acto, o conselleiro incidiu en que a modificación da Lei de Saúde é unha reforma histórica, xa que blinda a protección de todo o persoal da sanidade, con independencia da titularidade pública ou privada do centro sanitario de prestación do servizo.
Así mesmo, con esta medida, que entra en vigor mañá, a Xunta dá resposta a novas formas de violencia, recoñecendo, ademais da física e a verbal, a violencia dixital, exercida por pacientes, familiares e acompañantes contra os profesionais do ámbito sanitario.
Con esta medida, o Executivo galego tamén é pioneiro ao incluír a protección dos técnicos do 061 atendendo ao compromiso adquirido pola Xunta durante a tramitación da lei coa asociacións que representan a estes traballadores.
Outra das medidas innovadoras que recolle a lei é que, para protexer a vítima, contémplase a posibilidade de cambiar a persoa infractora, tanto de profesional como de centro sanitario. Ademais, se así o solicita a vítima, garántese a súa mobilidade laboral.
Noutra situación, cando o paciente realice gravacións en consulta sen consentimento do profesional, o persoal afectado poderá suspender a asistencia deixando constancia deste feito na historia clínica do paciente. En todo caso, quedará garantida a atención sanitaria da persoa usuaria.
Engadido ao anterior, a lei céntrase no reforzo da prevención, a formación e a protección das vítimas. Así, está previsto desenvolver o Plan de prevención contra a violencia no ámbito sanitario e a creación do Rexistro galego de actos de violencia externa no ámbito sanitario.
Reforma integral da base medicalizada do 061
Na súa visita de hoxe á base do 061 en Pontevedra, o conselleiro comprobou de primeira man o resultado das melloras estruturais, de distribución de espazos, técnicas e eléctricas levadas a cabo nas instalacións, e puxo en valor o traballo esencial que realizan cada día os profesionais do 061, atendendo as emerxencias sanitarias as 24 horas do día os 365 días do ano.
Segundo Gómez Caamaño, a reforma integral realizada pola Xunta garante un maior confort para o persoal, maior funcionalidade e unha mellora da eficiencia enerxética.
Tal e como detallou o conselleiro, cun investimento de 100.000 euros e a cesión dun local anexo, ampliáronse e redistribuíronse os espazos para que o persoal conte con dúas habitacións máis, un almacén e outro vestiario.
Entre as actuacións levadas a cabo, o conselleiro destacou o incremento da capacidade eléctrica, a incorporación da tecnoloxía LED ou a dotación de novo mobiliario. Tamén se acondicionou a sala de estar e o office, e mellorouse a zona de lavado e desinfección do material sanitario da ambulancia nas instalacións exteriores.
Todas estas medidas permitiron transformar as instalacións nun espazo máis funcional, acolledor e confortable para os seis médicos, nove enfermeiros e os trece técnicos de emerxencias sanitarias que conforman esta base, ademais do médico e o enfermeiro residente que están a facer a súa formación.