Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 18.00 horas
Extinguido o incendio do concello pontevedrés de Ponteareas, parroquia de Ribadetea, que finalmente afectou unha superficie de 750 hectáreas, das cales 550 se corresponden con monte arborado e as 200 restantes de raso
Controlado o lume do municipio coruñés de Carballo, parroquia de Noicela, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de arredor de 190 hectáreas
Santiago de Compostela, 7 de abril de 2026
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais con datos recollidos ás 18.00 horas de hoxe.
Extinguido Ponteareas-Ribadetea
O incendio do concello pontevedrés de Ponteareas, parroquia de Ribadetea, quedou extinguido ás 17.46 horas de hoxe. Finalmente afectou unha superficie de 750 hectáreas, nos termos municipais de Ponteareas, Pazos de Borbén e Mos, das cales 550 se corresponden con monte arborado e 200 de raso. Neste lume, que se iniciou onte ás 14.47 horas, foi preciso decretar a Situación 2 como medida preventiva pola súa proximidade ao núcleo do Galleiro, no concello de Pazos de Borbén, unha situación que foi xa desactivada. Para a extinción deste lume mobilizáronse en total 6 técnicos, 18 axentes, 26 brigadas, 16 motobombas, 2 pas, 1 unidade técnica de apoio, 5 helicópteros e 6 avións.
Controlado Carballo-Noicela
Ás 15.37 horas de hoxe quedou controlado o incendio iniciado no concello coruñés de Carballo, parroquia de Noicela, que se xuntou con outro rexistrado na localidade limítrofe da Laracha, parroquia de Caión. Segundo as últimas estimacións provisionais, o lume, iniciado onte ás 14.20 horas, afecta unha superficie de arredor de 190 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 4 técnicos, 17 axentes, 21 brigadas, 20 motobombas, 2 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 4 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.