A Xunta e a Universidade do Porto colaboran na organización dun congreso internacional sobre a investigación de incendios forestais
O director xeral de Defensa do Monte mantivo hoxe unha xuntanza de traballo coa profesora Fantina Tedim para avanzar na organización conxunta deste evento
Manuel Francisco sinalou que se trata dunha oportunidade moi beneficiosa para ambos territorios, xa que favorece a transferencia de coñecemento e o diálogo para poder deseñar e planificar solucións conxuntas ante desafíos comúns
Destacou tamén que Galicia conta cunha Unidade de Investigación de Incendios Forestais propia que dende o ano 2021 participou na posta a disposición xudicial de 132 presuntos incendiarios
Santiago de Compostela, 10 de abril de 2026
O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, reuniuse na mañá de hoxe coa profesora da Universidade do Porto Fantina Tedim para avanzar na organización coordinada dun congreso internacional sobre a investigación de incendios forestais.
O director xeral sinalou que se trata dunha oportunidade moi beneficiosa para ambos territorios, xa que favorece a transferencia de coñecemento e o diálogo para poder deseñar e planificar solucións conxuntas ante desafíos comúns. Neste congreso está prevista tamén a participación e colaboración doutros países, ademais de España e Portugal.
Manuel Francisco destacou así que Galicia conta cunha Unidade de Investigación de Incendios Forestais propia, coñecida como UIFO. Foi creada no ano 2021 coa finalidade de contar cun dispositivo específico que investigara a orixe dos lumes. Cómpre destacar que os sucesivos informes anuais amosan que preto do 70 % dos lumes teñen un carácter intencionado.
A unidade componse dun axente autonómico como máximo responsable e de dous axentes coordinadores adxuntos. As outras 12 prazas están cubertas por axentes UIFO desvinculados dos labores de extinción, o que lles permite centrarse especificamente na investigación. Dende o ano 2021 a UIFO participou na posta a disposición xudicial de 132 presuntos incendiarios.