A Xunta licita por máis de 150.000 euros traballos para a eliminación de especies exóticas invasoras en Cíes e no Parque Natural de Corrubedo
As actuacións cofináncianse e desenvolveranse ao abeiro da Estratexia transnacional de restauración de áreas de alto valor de conservación de espazos da Rede Natura 2000 do norte da Península Ibérica baixo unha perspectiva de cambio global
Intervirase en 194 hectáreas do Parque Natural Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán e en máis de nove do arquipélago de Cíes incidindo nun total de 18 especies que se consideran prioritarias ou de interese
As empresas interesadas no contrato poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 17 de abril e as tarefas consistirán na eliminación inicial de exóticas invasoras este ano e o control de rebrotes durante os anos 2027 e 2028
Santiago de Compostela, 11 de abril de 2026
A Xunta sacou a licitación por algo máis de 150.000 euros un contrato para a realización de traballos de eliminación de especies exóticas invasoras (EEI) na contorna das lagoas costeiras do arquipélago das Cíes -pertencente ao Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia- e do Parque Natural Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán.
O fin último das actuacións -cofinanciadas e desenvolvidas ao abeiro da Estratexia transnacional de restauración de áreas de alto valor de conservación de espazos da Rede Natura 2000 do norte da Península Ibérica baixo unha perspectiva de cambio global (Life Global)- é a erradicación e control das EEI que causan unha afección negativa sobre os hábitats prioritarios específicos 1150, os correspondentes con espazos nos que hai lagoas costeiras.
Os traballos prevén a eliminación manual de especies exóticas invasoras en máis de 200 hectáreas, das que 194 corresponden co Parque Natural Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán e máis de nove hectáreas ao arquipélago de Cíes. De feito, a duración do contrato esténdese desde este ano ata 2028, prevéndose en 2026 a eliminación inicial das EEI e en 2027 e 2028 o control sobre o rebrote destas especies de flora na contorna das lagoas.
As actuacións realizaranse de forma selectiva, seguindo o principio de cautela ambiental, polo que se executarán a pequena escala, de forma preferentemente manual. Como maquinaria de apoio poderá empregarse algunha de pequenas dimensións como chimpíns ou apeiros mecanizados lixeiros como motoserras ou rozadoiras. Non obstante, utilizaranse unicamente nos casos nos que sexa estritamente necesario desde un punto de vista técnico (como no caso de existencia de exemplares de grandes dimensións) e tendo en conta a vulnerabilidade e fraxilidade dos enclaves, polo que se realizará unha avaliación previa das repercusións sobre os valores albergados.
En total vaise actuar sobre unha vintena de especies, cunha valoración na súa erradicación como prioritaria ou de interese. Entre as prioritarias están a herba da pampa ou plumacho, a cana, a acacia, a acacia branca, a ludwigia ou a iuca. Mentres, entre as de interese están o esparto, distintos pinos, o gramón, a cana de indias, a cotula, a piteira, a margarita africana e a crocosmia.
Nalgunhas destas especies a retirada realizarase cando sexa posible a súa eliminación manual e poderase considerar a ampliación ou modificación deste listado de taxóns prioritarios ou de interese sen que supoña modificación do contrato, dos prazos nin o emprego de novos métodos de erradicación.
O fin último é reducir a presenza destas especies exóticas invasoras nas lagoas costeiras (hábitat prioritario 1150), a mellora e restauración dos hábitats nos que se propagan e a redución do impacto ecolóxico nas áreas onde forman densos tapices ou masas que cobren o substrato desprazando a vexetación autóctona e impedindo o seu desenvolvemento, impactando tamén na fauna asociada. Ao mesmo tempo, farase seguimento destas especies e control de rebrote.
As empresas interesadas no contrato poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 17 de abril e a adxudicataria desenvolverá os traballos entre este ano e o 2028.