O xerente do Sergas, José Ramón Parada, inaugurou esta tarde en Sanxenxo a xornada A obesidade non se resolve nun capítulo

O Servizo Galego de Saúde reivindica o papel da atención primaria na abordaxe da obesidade e a diabetes

O xerente do Sergas aposta por realizar un traballo multidisciplinar para optimizar a atención destas patoloxías crónicas

Sinala a necesidade de formular os tratamentos máis alá das consultas médicas para afondar nas tarefas de prevención nas familias e nas escolas

En Galicia, a Consellería de Sanidade desenvolve o Plan Obesidade Zero, unha estratexia pioneira a nivel autonómico que aborda esta patoloxía desde unha perspectiva estrutural, preventiva e comunitaria

Sanxenxo (Pontevedra), 10 de abril de 2026

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, inaugurou esta tarde en Sanxenxo a xornada A obesidade non se resolve nun capítulo, un encontro no que especialistas sanitarios afondaron na abordaxe desta enfermidade crónica e na que reivindicou o papel da atención primaria na súa diagnose e tratamento.

Durante a súa intervención, o xerente do Sergas destacou que tanto a obesidade como a diabetes non deben ser entendidas como episodios illados, senón como “un conxunto de tramas complexas”, que non poden resolverse cunha única intervención ou consulta illada.

"A atención primaria é o escenario onde se escribe a maior parte desta historia: onde se detecta, se prevé e se trata", incidiu o responsable sanitario, apuntando a necesidade de enfocar a patoloxía cunha visión multidisciplinar.

Nesta liña, o xerente apostou por realizar un traballo "en equipo e coral", no que a coordinación entre distintos perfís profesionais: medicina, enfermería, farmacia, nutrición, psicoloxía e saúde pública, acaden unha mellora na calidade de vida destes pacientes.

Parada subliñou que tanto a obesidade como a diabetes están a medrar a un ritmo superior á capacidade de resposta actual, motivo polo que avogou por un modelo asistencial máis preventivo e resolutivo.

“É importante non limitar a toma de decisións ás consultas médicas, senón que tamén se debe traballar no ámbito da prevención desde as escolas, os barrios e as familias”, referiu o xerente do Servizo Galego de Saúde.

A pesar destes retos, o responsable do Servizo Galego se Saúde lanzou unha mensaxe de optimismo explicando que se conta cunha evidencia científica sólida e unhas ferramentas terapéuticas innovadoras, que contribuirá á mellora do diagnóstico e tratamentos da enfermidade.

En Galicia, a Consellería de Sanidade lidera a loita contra esta doenza a través do Plan Obesidade Zero, unha estratexia pioneira a nivel autonómico que aborda esta patoloxía desde unha perspectiva estrutural, preventiva e comunitaria, incorporando a equidade e a avaliación continua como eixes fundamentais das políticas públicas. Trátase dun modelo centrado na prevención, nas contornas saudables e na equidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/04/2026