Lugo acolle hoxe a xornada sobre crianza e educación infantil ‘Medrando Xuntas’, apoiada pola Xunta
Lugo, 11 de abril de 2026
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asistiu esta mañá á apertura da xornada educativa Medrando Xuntas, organizada pola escola de inglés Kids&Us co apoio da Administración autonómica, que se desenvolve na facultade de Veterinaria do Campus Terra.
Despois do éxito da anterior edición, o encontro deste ano volve reunir a recoñecidos expertos nos ámbitos da educación, a crianza e o desenvolvemento infantil. Así, catro profesionais ofrecerán ao longo do día relatorios dirixidos a achegar ferramentas prácticas, fomentar a reflexión e xerar comunidade entre familias, docentes e profesionais vinculados á infancia.
A primeira charla correu a cargo de Alberto Soler, psicólogo especializado en familia. Tamén participan o pediatra Carlos González, autor de referencia en crianza, alimentación e saúde; Neus Moya, podóloga e divulgadora en saúde do pé e calzado consciente; e Sara Noguera, mestra infantil especialista en crianza respectuosa, contoterapia e musicoterapia, que xa estivo presente na xornada do ano pasado.