Medio Rural destaca o papel da hostalaría no impulso do consumo de produtos alimentarios de proximidade

A conselleira María José Gómez participou hoxe na Gala Provincial da Hostalaría Lucense, onde puxo tamén en valor aos traballadores deste sector e enxalzou a súa contribución á dinamización de vilas e comarcas

Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, que entregou o premio a Ramón Álvarez López, salientou “a enogastronomía como un dos piares fundamentais da atractividade turística de Galicia”

Ribadeo (Lugo), 13 de abril de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe o papel que desenvolve a hostalaría no impulso do consumo dos produtos alimentarios de proximidade, que son “grandes embaixadores da nosa terra”. Salientouno hoxe durante a Gala Provincial da Hostalaría Lucense, na que estivo acompañada polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles; e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias. A conselleira felicitou tamén aos premiados, e fixo entrega do galardón a José Manuel Fontal, do Hotel Roma de Sarria.

Do mesmo xeito, puxo en valor aos traballadores deste sector, “xente emprendedora e valente”, aos que quixo expresar o seu recoñecemento e admiración e que, no caso concreto desta provincia, sitúan a Lugo “nun lugar destacado no mapa gastronómico”. Así mesmo, enxalzou a hostalaría como un axente fundamental no desenvolvemento do territorio pola súa contribución á dinamización de vilas e comarcas.

Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, que entregou o premio a Ramón Álvarez López, salientou “a enogastronomía como un dos piares fundamentais da atractividade turística de Galicia e, en particular, da provincia de Lugo, ao combinar tradición, identidade e calidade nunha proposta única”. 

Neste sentido, subliñou que os datos avalan o potencial deste segmento: “o turismo gastronómico presenta unha estadía media superior á do conxunto de turistas e un gasto diario significativamente máis elevado, o que evidencia o seu alto valor engadido”. Ademais, apuntou a iniciativas como os plans de sustentabilidade, as rutas do viño ou as actividades en adegas como factores claves que contribúen á desestacionalización e á diversificación da oferta, favorecendo a chegada de visitantes durante todo o ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/04/2026