O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o lugar, a data e os horarios das probas selectivas
O Servizo Galego de Saúde convoca a máis de 17.000 persoas á realización das probas de acceso nas categorías de enfermería e de persoal de servizos xerais
O departamento sanitario da Xunta ultima os preparativos dunhas probas que se realizarán nas xornadas do 25 e 26 de abril e do 9 de maio
No seu conxunto, o Servizo Galego de Saúde oferta un total de 2.476 prazas
Silleda (Pontevedra), 14 de abril de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, o lugar, a data e os horarios das probas selectivas do Servizo Galego de Saúde para acceder ás prazas de diversas especialidades da categoría de enfermería e de persoal de servizos xerais (PSX). As convocatorias contan cun total 17.145 persoas admitidas.
O departamento sanitario da Xunta segue a ultimar a organización dunhas probas que desenvolverán no Recinto Feiral Internacional de Galicia, en Silleda, durante as xornadas do 25 e do 26 de abril, e do 9 de maio. Así, durante a mañá de hoxe representantes da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas, das Forzas e Corpos de Seguridade, Protección Civil, Autopista Central de Galicia (ACEGA), 061, Cruz Vermella e da Fundación Semana Verde de Galicia, mantiveron unha xuntanza para abordar as tarefas organizativas destes procesos selectivos.
Nestas probas ofértanse un total de 2.476 prazas. Delas, 1.980 corresponden á categoría de enfermería, 128 a enfermería familiar e comunitaria, 69 a enfermería obstétrico-xinecolóxica (matrón/a), 60 a enfermería pediátrica, 3 a enfermería do traballo e 236 á categoría de persoal de servizos xerais (10 delas reservadas para a queda de discapacidade intelectual).
Data e horario dos exames
As probas darán comezo o sábado, 25 de abril, ás 9,30 horas coa realización dos exames nas categorías de enfermeiro especialista en enfermería obstetricia-xinecoloxía (matrón/a), con 348 persoas convocadas; e de especialista en enfermería pediátrica, con 210 persoas inscritas. Nesta primeira quenda ofértanse un total de 69 e 60 prazas, respectivamente.
En horario de tarde, e desde as 16,00 horas, terán lugar as probas de acceso ás especialidade de enfermería familiar e comunitaria, con 838 aspirantes convocados (128 prazas ofertadas); e de enfermeiro/a especialista en enfermería do traballo, con 32 persoas admitidas (3 prazas ofertadas).
Na xornada do domingo, 26 de abril, desde as 16,00 horas están convocados un total de 7.056 aspirantes, correspondentes á categoría de persoal de servizos xerais (PSX) (ofértanse 236 prazas).
Durante a seguinte fin de semana, o sábado do 9 de maio, o Recinto Feiral Internacional de Galicia acollerá (desde ás 16:00h) a 8.661 opositores da categoría de enfermería, na que se ofertarán 1.980 prazas.
Protocolo e medidas organizativas das probas
A Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas lembra que para o acceder ao recinto non se realizará o chamamento dos aspirantes na entrada do pavillón destinado á realización das probas.
Neste senso, a acreditación para o acceso efectuarase a través de código QR, que o aspirante poderá obter a través de Fides/expedient-e e que deberá levar impreso o día do exame e conservar ata a finalización das probas.
Este código QR conterá información da data, hora, lugar, pavillón, porta de acceso e posto do exame que corresponde a cada aspirante, ademais de incluír indicacións xerais a ter contar para o acceso dos aspirantes e no desenvolvemento das probas.
Todos os aspirantes presentados ás probas selectivas terán dispoñible, a través de Fides/expedient-e, un certificado de asistencia, a partir do día seguinte ao de realización dos exercicios.
Con estas convocatorias o Goberno galego dá resposta ás necesidades organizativas e de persoal da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, garantido a calidade asistencial, xunto coa eficacia e a eficiencia dos seus recursos. Ademais, mantén a súa aposta pola estabilidade profesional do persoal que desempeña o seu labor na rede sanitaria pública galega.
Aspirantes xestantes e lactación
As aspirantes que desexen exercer o dereito de lactación terán á súa disposición unha sala habilitada para tal fin no exterior do recinto acondicionada con microondas, cambiador, etc. Tamén, se o precisa e solicita poderá realizar a lactación durante a realización dos exercicios.
As aspirantes que precisen realizar a dita lactación materna durante os tempos dos exames disporán de tempo e lugar acondicionado para a lactancia. Deberán solicitar a súa realización ao enderezo de correo electrónico oposiciones@sergas.es , antes do 21 de abril, salvo nos casos de aspirantes que sexan nais mais alá do prazo indicado.
Neste último caso, así como no caso das profesionais en situación de embarazo, que poidan estar ingresadas o mesmo día do exame e desexen acollerse á realización do exame no centro hospitalario, deberán poñerse en contacto coa dirección de oposiciones@sergas.es para que lle informen do procedemento.
O Servizo Galego de Saúde habilitou un enderezo electrónico para que as persoas aspirantes poidan dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposicions@sergas.es .
ANEXO: PERSOAS ADMITIDAS POR CATEGORÍA E PRAZAS OFERTADAS
|
CATEGORÍA |
Admitidos |
Total prazas |
|
Enfermeiro/a |
8.661 |
1.980
|
|
Enfermería Familiar e Comunitaria |
838 |
128
|
|
Enfermería Obstétrico-Xinecolóxica |
348 |
69
|
|
Enfermería Pediátrica
|
210 |
60 |
|
Enfermería do Traballo
|
32 |
3 |
|
Persoal de servizos xerais |
6.952 |
226
|
|
Persoal de servizos xerais: quenda de discapacidade intelectual
|
104 |
10 |
|
Total |
17.145 |
2.476
|