A Xunta destinou preto de 300.000 euros ás obras de rehabilitación do CPI de Navia de Suarna
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que se melloraron as condicións de eficiencia enerxética e se renovaron dependencias interiores deste centro educativo que imparte as etapas de Infantil, Primaria e ESO
Navia de Suarna (Lugo), 14 de abril de 2026
A Xunta investiu 296.200 euros nas obras de rehabilitación do Colexio Público Integrado (CPI) de Navia de Suarna, un centro educativo que imparte as etapas de educación Infantil, Primaria e ESO.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o colexio para comprobar as actuacións, que se centraron na mellora das condicións de eficiencia enerxética e na reforma de varias dependencias interiores.
No que respecta á envolvente do edificio, substituíronse todas as fiestras por outras con maior estanquidade do aire, apertura oscilobatente e máis resistencia térmica. Igualmente, limpouse a fachada principal e cambiáronse os canlóns en mal estado.
No interior, levouse a cabo a renovación dos aseos da planta baixa e das dúas superiores. Ademais, nalgunhas aulas instaláronse falsos teitos e novas luminarias tipo LED. Así mesmo, renovouse o pavimento do ximnasio e da zona de Infantil.
Arias destacou que a Xunta segue avanzando na modernización dos colexios e institutos de toda a provincia con grandes actuacións de rehabilitación que están en marcha no marco do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.
Lembrou que os Orzamentos deste ano inclúen unha partida de 73,6M€ para obras en infraestruturas educativas, o que supón un 4% máis que no 2025 para seguir mellorando a rede de centros de ensino galegos.