Medio rural imparte 12 cursos para máis de 960 profesionais contra incendios neste 2º trimestre

As accións formativas realizaranse en 16 edicións, cunha duración total de 450 horas, tanto de maneira presencial, maioritariamente no CILL de Toén, como telemática

Os cursos abranguen aspectos como a formación básica en investigación de lumes, o manexo de maquinaria, a xestión de medios aéreos, a utilización de datos e imaxes de satélite aplicados á extinción ou a mellora da eficiencia ante o risco extremo

Durante o 2025 leváronse a cabo un total de 25 cursos, que se distribuíron en preto de 250 edicións, coa participación de case 5.900 alumnos

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2026

A Consellería do Medio Rural programou para o segundo trimestre deste ano un total de 12 cursos de formación para o persoal do Servizo de Prevención e defensa contra Incendios Forestais (SPIF), no que está previsto que participen máis de 960 profesionais. As accións formativas realizaranse en 16 edicións, cunha duración total de 450 horas, e farase tanto formación presencial como telemática.

Nos cursos participarán profesionais das diferentes categorías nas que se estrutura o Servizo, desde os axentes, bombeiros forestais, vixilantes e condutores de motobomba ata o persoal dos medios aéreos, pasando por emisoristas e técnicos dos distritos e dos servizos provinciais, entre outros.

Os cursos programados para este segundo trimestre abranguen aspectos como a formación básica en investigación de lumes, o manexo de maquinaria, a utilización de datos e imaxes de satélite aplicados á extinción, as ferramentas de xestión emocional e auto-coidado na emerxencia por incendios forestais, a análise dos lumes, as operacións avanzadas para xefes de brigada, a xestión de medios aéreos desde os centros de coordinación, as brigadas helitransportadas, as motobombas, a mellora da eficiencia do SPIF ante o risco extremo por incendios, o apoio na xestión das operacións desde os centros de coordinación e a actualización de procedementos para directores técnicos de extinción.

Parte destes cursos realizaranse no Centro Integral de Loita contra o Lume (CILL) de Toén (Ourense), unhas instalacións da Xunta especialmente deseñadas para ofrecer este tipo de formación e que xa teñen acollido profesionais de diferentes países europeos, caso de Estonia ou Países Baixos. Así, no CILL impartiranse accións formativas sobre risco extremos sobre incendios, sobre xestión emocional ou sobre uso de maquinaria lixeira; e tamén os dirixidos a directores técnicos de extinción, para a actualización de procedementos operativos.

Plan de formación dentro do Pladiga

Toda estas accións forman parte do Plan de Formación do persoal do SPIF, que á súa vez se integra no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2026), cuxa actualización vén de ser aprobada polo Consello da Xunta. Cómpre destacar, neste sentido, que durante o 2025 leváronse a cabo un total de 25 cursos, que se distribuíron en preto de 250 edicións, coa participación de case 5.900 alumnos.

Data de actualización: 18/04/2026