Medio Rural destaca as 226 solicitudes recibidas para a liña de achegas destinadas á reforestación despois de realizar aproveitamentos madeireiros

Así o destacou hoxe a directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal nunha comparecencia a petición propia na Comisión 7ª do Parlamento, na que puxo en valor esta novidosa convocatoria, que conta cun orzamento de preto de 8,5 millóns de euros

Luisa Piñeiro asegurou que esta partida supón unha “evolución relevante” con respecto ás políticas anteriores, xa que se centra na rexeneración e renovación das masas forestais existentes, favorecendo unha xestión máis sostible

O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria presentou as novas flexibilizacións na PAC para mitigar os efectos provocados polos temporais deste outono, e anunciou a ampliación do prazo de presentación da solicitude única desta campaña

Do mesmo xeito, Juan José Cerviño informou das actuacións que está levando a cabo a Consellería sobre a situación provocada pola caída dos prezos do leite en orixe

Pola súa banda, o director xeral de Defensa do Monte fixo un balance do Plan de Infraestruturas da Consellería do Medio Rural, que inclúe importantes actuacións destinadas a modernizar as instalacións do dispositivo contra os incendios forestais

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2026

A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, compareceu hoxe a petición propia na Comisión 7ª do Parlamento, onde destacou a boa acollida da novidosa liña de achegas impulsada pola Consellería do Medio Rural destinada a promover as reforestacións produtivas posteriores á realización de aproveitamentos madeireiros, que xa recibiu 226 solicitudes.

Estas axudas contan cun orzamento de case 8,5 millóns de euros para as anualidades 2026 e 2027 e o prazo de presentación de solicitudes ampliouse ata o 7 de maio despois de introducir unha serie de axustes técnicos nas bases reguladoras da orde, co fin de aclarar algunhas dúbidas formuladas polo sector. A partida está subdividida en tres liñas diferenciadas en función das especies que se utilicen. A primeira delas está centrada na reforestación produtiva de coníferas; mentres que a segunda pon o foco na reforestación produtiva de frondosas e, a terceira, na de chopo.

Tal e como sinalou a directora xeral, a convocatoria supón unha “evolución relevante” con respecto ás políticas anteriores, xa que se centra na rexeneración e renovación das masas forestais existentes, e non só na forestación de novas superficies. Polo tanto, a súa finalidade é favorecer unha xestión forestal sostible que incremente a multifuncionalidade produtiva dos montes galegos, integrando criterios de rendibilidade económica, conservación ambiental e utilidade social.

Do mesmo xeito, a reforestación tras a corta permite mellorar a calidade das masas forestais, incrementar a súa resiliencia fronte a perturbacións e optimizar a súa capacidade produtiva e ambiental. Ao tempo, favorece de xeito positivo a prevención de incendios forestais e a mellora da estrutura do territorio; así como a consolidación dun sector forestal máis competitivo e innovador. A directora xeral asegurou que se trata dun “instrumento sólido, actualizado e adaptado ás necesidades actuais” para avanzar cara un modelo forestal sostible, xerador de valor engadido e en coherencia co marco normativo europeo, estatal e autonómico.

Flexibilizacións da PAC e ampliación do prazo

Na comisión de hoxe, o director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, presentou o novo paquete de flexibilizacións da Política Agraria Común (PAC) destinado a minimizar os efectos dos temporais deste pasado outono, que ten como obxectivo aliviar as cargas de obrigas ás que os beneficiarios deben facer fronte para cobrar estas axudas. Debido a causas de forza maior, as autoridades competentes poden establecer flexibilizacións adicionais para paliar os efectos de fenómenos catastróficos, e así, estas novas veñen a sumarse ás que xa había no ámbito da PAC.

Dentro destas modificacións destacan, entre outras, a redución da esixencia da carga gandeira no ecorrexime de pastoreo extensivo ou as flexibilidades na condicionalidade reforzada. Suavizouse tamén a BCAM 7, coa posibilidade de declarar como barbeito aquelas parcelas nas que por causa dos temporais non resultara viable o cultivo sementado ou que non se puidese ter realizado a sementeira. Por outra banda, o director xeral salientou a ampliación do período de prazo de presentación da solicitude única da PAC ata o 15 de maio, data máxima á que poden ampliar as autoridades rexionais este período. A Orde con estas modificacións será publicada o vindeiro luns no Diario Oficial de Galicia.

Juan José Cerviño puxo tamén de relevo a importancia dos seguros agrarios para facer fronte aos riscos imprevisibles que poden afectar ás explotacións agrogandeiras, como poden ser as choivas persistentes deste inverno. Destacou que as pólizas de seguro son un factor que aporta unha “enorme estabilidade ao sector”, ademais de ser un instrumento para garantir as rendas agrarias.

Así, destacou que dende o ano 2017 a Consellería do Medio Rural convocou achegas por valor de 61,12 millóns de euros para apoiar a contratación de seguros agrarios. A última partida estivo dotada cun orzamento de 10,5 millóns de euros, un 23 % máis que a do exercicio anterior, poñendo de manifesto o compromiso da Xunta con este eido.

Actuacións da Consellería ante a baixada nos prezos do leite

Así mesmo, nesta sesión, fixo tamén un resumo das actuacións levadas a cabo pola Consellería do Medio Rural ante a baixada do prezo do leite nos contratos asinados a principios deste mes. Neste contexto, reforzáronse de xeito inmediato os controis sobre os contratos lácteos para garantir que cumpran de xeito estrito a Lei da cadea alimentaria, co fin de que os prezos pagados aos produtores cubran, como mínimo, os custes de produción. Intensificáronse tamén as inspeccións sobre a trazabilidade e a etiquetaxe do leite. Cabe sinalar que as irregularidades detectadas serán remitidas á Comisión Galega de Competencia.

Seguindo esta liña, lembrou tamén que se lle pide ao Goberno central unha modificación da Lei da Cadea Alimentaria para garantir a súa eficacia, na que se estableza un sistema estandarizado de cálculo dos custos de produción; ao tempo que se demanda unha modificación do paquete lácteo, para permitir o rexeitamento de ofertas polo prezo, garantindo que a cifra final non sexa inferior á non aceptada anteriormente, entre outras cuestións.

Balance do Plan de mellora das infraestruturas

Pola súa banda, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, fixo un balance do Plan de Infraestruturas da Consellería do Medio Rural, que inclúe importantes actuacións destinadas a modernizar as instalacións do dispositivo contra os incendios forestais. Manuel Francisco explicou que o investimento executado ao abeiro deste Plan ascende ata case 18 millóns de euros nos últimos anos.

Deste orzamento, máis de 8,3 millóns foron para mellora e construción de novas bases aéreas, preto de 2,5 millóns para Bases de Unidades Operativas (BUO) e máis de 7,1 millóns para outro tipo de infraestruturas. Neste 2026 está previsto finalizar a base de helicópteros de Lalín; realizar novas intervencións no aeródromo de Támega (base aérea de Verín-Oímbra) e na base aérea do Xurés. Ao tempo, construiranse novas BUO en Valga, Portas e Bande.

Data de actualización: 17/04/2026