A Xunta reúnese coa Deputación de Lugo para abordar as súas achegas á reforma da Lei de administración local de Galicia
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, mantiveron un encontro no marco do proceso de escoita e diálogo para contribuír ao enriquecemento do texto
Santiago de Compostela, 17 de abril de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, reuniuse hoxe coa presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, para abordar as achegas do organismo provincial ao anteproxecto da Lei de Administración Local de Galicia. A Xunta comprometerase a manter este encontro durante a reunión celebrada a finais de marzo entre a presidenta da Deputación e o presidente da Xunta.
Así, esta nova reunión enmárcase no proceso de escoita e diálogo e na colaboración institucional no que a Administración autonómica vén traballando para seguir enriquecendo o texto coas achegas construtivas que se realicen. O conselleiro destacou e agradeceu o bo clima e carácter construtivo do encontro.
O anteproxecto da nova lei é froito dun proceso participativo que recolle a maioría das demandas trasladadas polo municipalismo e durante o actual proceso de tramitación preténdese escoitar todas as achegas para acadar o máximo consenso posible. De feito, a Xunta está avaliando as alegacións recibidas co obxectivo de integrar no texto todas aquelas que teñan espírito construtivo.
Canto ao papel das deputacións que se recolle no texto, cómpre engadir que os entes provinciais son unha peza fundamental do mapa local e o que pretende o texto é unificar a forma de prestar as súas competencias en todo o territorio, así como concretar as súas funcións.