O conselleiro de Sanidade interveu na inauguración oficial da XIX Reunión Anual da Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria (AGAPap)
Gómez Caamaño subliña a contribución da atención primaria ao liderado de Galicia en taxas de vacinación infantil
Remarca que a aposta do Goberno galego pola prevención e a protección da saúde infantil motiva a nova ampliación do calendario de inmunización con novos reforzos de vacinas, contra a meninxite en adolescentes e fronte ao sarampelo aos dous anos
Destaca que a Xunta leva anos apostando por fortalecer esta especialidade e, desde 2019, aumentou un 35 % as prazas para manter unha cobertura elevada con profesionais da pediatría nos centros de saúde
Remarca que Galicia dispón do cribado neonatal máis completo de España, con 37 patoloxías, fronte ás sete do Sistema Nacional de Saúde
Pon en valor o investimento histórico da Xunta nos orzamentos deste ano para primaria, que acadan os 1.747 millóns de euros
Santiago de Compostela, 18 de abril de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou hoxe a contribución da atención primaria ao liderado en Galicia nas taxas de cobertura da vacinación infantil.
O titular da carteira sanitaria interveu na inauguración oficial da XIX Reunión Anual da Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria (AGAPap).
Gómez Caamaño dixo que Galicia pode sentirse orgullosa de contar co calendario de vacinación máis completo do mundo, froito do compromiso das familias e, sobre todo, do excelente traballo dos equipos de atención primaria.
Segundo o máximo responsable do Sergas, a Xunta leva anos apostando por fortalecer esta especialidade e, desde 2019, aumentou un 35 % as prazas para manter unha cobertura elevada con profesionais da pediatría nos centros de saúde, o que permite ofrecer unha atención de calidade aos máis pequenos.
Nesta liña de actuación, a Xunta destinará 5,3 millóns de euros á adquisición de vacinas fronte ao pneumococo e ampliará novamente o calendario vacinal ao longo da vida, incorporando novas proteccións como a vacina fronte ao meningococo B para adolescentes aos 12 anos.
Engadido ao anterior, o Executivo galego decidiu adiantar o reforzo da vacina fronte ao sarampelo aos dous anos, co inicio da vacinación para os nados en 2024 a partir do mes de maio, mantendo tamén a dose aos 12 meses.
Así mesmo, Galicia dispón do cribado neonatal máis completo de España, con 37 patoloxías, fronte ás sete do Sistema Nacional de Saúde.
Papel estratéxico da atención primaria
Gómez Caamaño incidiu en que a Xunta é moi consciente da importancia da pediatría e do papel estratéxico da atención primaria. A tal efecto, o Goberno galego segue a reforzar este nivel asistencial nos orzamentos deste ano, cun investimento histórico de 1.747 millóns de euros.
Este investimento está destinado a posibilitar unha mellor atención no día a día, con máis recursos nos centros de saúde e mellores condicións para os profesionais.
O conselleiro referiu que, neste camiño de mellora, tamén se enmarca a reforma da atención primaria na que está a traballar a Xunta, que se presentará neste semestre. Esta reforma está orientada a avanzar cara a un modelo máis humano, máis resolutivo e mellor adaptado ás necesidades actuais.
Neste propósito, a Xunta traballa en implantar medidas con axendas máis flexibles, menos carga burocrática ou unha mellor organización dos centros, iniciativas pensadas precisamente para facilitar o labor dos profesionais e mellorar a atención ás familias.
Para rematar a súa intervención, Gómez Caamaño tivo palabras de agradecemento para a Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria e para todos os profesionais que día a día contribúen a coidar da saúde dos máis pequenos.