A Xunta destina preto de 270.000 € a financiar programas de incorporación social en vivendas para pacientes estabilizados nas unidades asistenciais de drogodependencias

O Diario Oficial de Galicia publica a concesión de axudas á Asociación Érguete Prevención e Intervención en Condutas Adictivas e á Asociación Rexurdir Provincial

A finalidade é apoiar as persoas que seguen un tratamento de deshabituación de trastornos adictivos para facilitar a súa integración social e promover unha vida autónoma desde un ámbito residencial

Facilítase a adaptación mediante a residencia temporal nunha vivenda normalizada, con tutela de persoal técnico cualificado

As axudas increméntanse este ano en máis dun 6 %, o que supón un aumento de máis de 4.000 euros por programa con respecto ao ano pasado

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2026

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a concesión por parte da Xunta de 269.665 euros destinados a financiar programas de incorporación social en vivendas para pacientes estabilizados nas unidades asistenciais con especialización en drogodependencias.

En concreto, recibirán 67.416,25 euros cada un dos tres programas sociais de apoio a procesos de rehabilitación que resultan beneficiarios por parte da Asociación Érguete Prevención e Intervención en Condutas Adictivas e tamén para o programa de piso de apoio a procesos terapéuticos da Asociación Rexurdir Provincial.

Esta orde de axudas para entidades privadas sen ánimo de lucro incrementou a contía en máis dun 6 % con respecto ao pasado ano, o que supón un aumento de máis de 4.000 euros por programa con respecto a 2025.

A adxudicación das axudas realizouse en réxime de concorrencia competitiva, aos programas que obtiveron as puntuacións máis altas. Para tal efecto, constituíuse unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios establecidos na propia orde, avaliou os proxectos solicitantes.

Adaptación á vida cotiá

Os usuarios das vivendas deberán ser pacientes en tratamento e seguimento nas unidades de atención a drogodependencias que requiran dun programa de incorporación social con apoio residencial.

O acceso a este recurso será voluntario e ofertarase de xeito prioritario cando non exista un apoio sociofamiliar axeitado ou concorran situacións de vulnerabilidade.

Estes pisos son espazos que ofrecen unha contorna segura e estruturada ás persoas que seguen un proceso de rehabilitación coa finalidade de procurar o apoio necesario cara á súa reintegración social, dotándoas dunha vivenda digna que cubra todas as necesidades básicas desde a cal poidan realizar o seu tratamento contra as drogodependencias.

Esta liña de axudas busca facilitar a adaptación á vida cotiá mediante a residencia temporal nunha vivenda normalizada, con tutela de persoal técnico cualificado para facilitar a incorporación social e promover unha vida autónoma.

Entre os obxectivos deste apoio residencial está facilitar o proceso de cambio destas persoas a través de estratexias que permitan acadar o desenvolvemento das súas habilidades sociais, culturais e educativas, adquirindo hábitos e condutas de vida saudables e fomentando o uso positivo do tempo libre con actividades recreativas de participación social.

Así mesmo, garántese a atención das súas necesidades sociais favorecendo o inicio dun proceso de normalización social, mellorando as habilidades básicas da vida diaria e consolidando o mantemento da abstinencia.

Engadido ao anterior, promóvense estratexias específicas de intervención para a incorporación social destas persoas, apoiando a formación para a inserción laboral e adquirindo mellores estratexias de comunicación e relación cos demais.

A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde ocúpanse da programación, coordinación e xestión das medidas dirixidas a reducir a demanda do consumo de drogas e facilitar a prestación de servizos asistenciais, así como a promover a incorporación social de pacientes drogodependentes.

A Xunta aprobou recentemente o Decreto 127/2025, do 29 de decembro, de traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia dos servizos e medios persoais e materiais afectos á  atención sanitaria prestada polas unidades asistenciais de atención á drogodependencia de titularidade municipal existentes que, desde o 1 de xaneiro de 2026, integra as 13 unidades existentes no Servizo Galego de Saúde.

Data de actualización: 21/04/2026