Mar sitúa a innovación tecnolóxica como elemento clave para a seguridade e a competitividade do sector
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, asistiu á presentación do bote salvavidas da OPPC3
Cangas de Morrazo (Pontevedra), 21 de abril do 2026
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, participou este martes na presentación dun innovador bote salvavidas pechado, autónomo e insomerxible desenvolvido pola Organización de Produtores de Buques Conxeladores de Merlúcidos, Cefalópodos e Especies Varias (OPPC3), e deseñado para reforzar a seguridade das tripulacións en alta mar.
Este novo dispositivo supón un avance significativo en materia de prevención e resposta ante situacións de emerxencia, ao ofrecer maiores garantías de protección en condicións adversas. O bote xa foi testado con éxito en condicións reais en augas de Terranova (Canadá), a bordo do buque Eirado do Costal, onde se comprobou a súa eficacia e fiabilidade.
Durante a presentación levouse a cabo unha demostración en vivo das capacidades do sistema, que incluíu a posta a flote da embarcación, a execución de diversas manobras operativas e a súa posterior recuperación a bordo. Estas probas permitiron amosar o correcto funcionamento do bote e a súa adaptación ás esixencias do traballo en mar aberto.
Issac Rosón destacou a importancia de apostar pola innovación tecnolóxica no sector pesqueiro, subliñando que iniciativas como esta contribúen a mellorar a seguridade laboral e a competitividade da frota galega.