O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou hoxe as instalacións do PEF de Lalín

A Xunta licita a xestión dos novos puntos de encontro familiar do Deza, A Mariña e Verín, que entrarán en funcionamento o vindeiro 1 de xullo

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para que as entidades sociais presenten as súas propostas

Jacobo Rey destacou que se destinan 1,4M€ a este concerto social para garantir o funcionamento destes servizos esenciais para garantir o benestar da infancia

Estes recursos están localizados en Lalín, Cervo e Verín e estarán a disposición das familias da contorna

Lalín (Pontevedra), 22 de abril do 2026

A Xunta abre hoxe o prazo para que as entidades sociais presenten as súas propostas para o procedemento de concerto social da xestión dos tres novos Puntos de Encontro Familiar (PEF) dos concellos de Lalín, Cervo e Verín. O obxectivo, segundo explicou o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, nunha visita ó servizo do Deza, é que estean operativos o vindeiro día 1 de xullo.

O director xeral explicou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases do procedemento deste concerto social que ascende a 1,4 millóns de euros ata o 2029. Neste sentido, destacou que os PEF son servizos esenciais para garantir o benestar da infancia en situacións de desprotección derivados de procesos xudiciais ou conflitivos.

Os tres recursos que se porán en funcionamento o mes de xullo están localizados nos concellos de Lalín, Cervo e Verín, pero darán servizo a cada unha das comarcas. Deste xeito, tal e como explicou Jacobo Rey, o obxectivo é dotar a estas áreas dun servizo esencial e evitar que as familias teñan que realizar longos desprazamentos. Para a súa posta en marcha, a Xunta de Galicia investiu máis de 700.000 euros en obras de reforma e adecuación dos espazos.

Os Puntos de Encontro Familiar (PEF) son recursos que preservan a relación entre os menores e as persoas das súas familias en situación de crise. Procuran a seguridade e o benestar dos menores, favorecen os vínculos coas súas familias e facilitan o cumprimento do réxime de visitas. Son un equipamento social, de carácter neutral e especializado para o cumprimento do réxime de visitas establecido pola autoridade competente.

O obxectivo destes recursos é favorecer a relación entre os menores e as súas familias cando hai unha situación de separación, divorcio, nulidade, tutela ou calquera outro suposto de interrupción da convivencia familiar, así como cando o exercicio do dereito de visitas se vexa interrompido ou o seu cumprimento resulte difícil ou conflitivo.

Os puntos de encontro familiar son recursos totalmente de balde para as familias, dado que son financiados exclusivamente pola Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/04/2026