A conselleira de Política Social e Igualdade respondeu hoxe unha pregunta oral no Pleno de Parlamento de Galicia sobre esta cuestión

Fabiola García denuncia que o Goberno central aumentou a súa débeda coa dependencia en 250 millóns de euros no último ano

Denuncia que o Executivo de Pedro Sánchez pasou de sufragar o 40% no 2023 ao 32,9% no exercicio pasado

Critica o “acordo secreto” co País Vasco para asumir, só nesa comunidade, o 50% do financiamento estipulado na Lei, creando dependentes de primeira e de segunda

Destaca o impulso a dependencia en Galicia con máis de 93.000 persoas atendidas, máximo histórico de beneficiarios

Santiago de Compostela, 22 de abril do 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acusou hoxe o Goberno central de xerar frustración entre as persoas con dependencia ao non asumir o 50% do custo dos servizos que estipula a Lei. En resposta a unha pregunta oral no Parlamento de Galicia, Fabiola García sinalou que o Executivo de Pedro Sánchez, ademais de non pagar o que lle corresponde da factura da dependencia, continúa diminuíndo a súa achega, o que dispara a débeda acumulada que ten contraída con Galicia nesta materia en máis de 3.000 millóns de euros.

A conselleira explicou que o Goberno de España pasou de asumir o 40% do gasto en dependencia no 2023 a reducila ao 34,9% no 2024 e ao 32,9% o exercicio pasado, último dato oficial. Neste sentido, explicou que só esta baixada de dous puntos dun ano para  outro supón outros 250 millóns máis de débeda con Galicia.

Así mesmo, Fabiola García denunciou que mentres o Executivo central escatima fondos a Galicia, asina un acordo secreto co País Vasco para financiar, soamente nesa comunidade, o 50% da dependencia. Con esta maneira de actuar, o Goberno de Pedro Sánchez “crea dependentes de primeira e de segunda: os vascos de primeira e os galegos de segunda”, lamentou.

A conselleira apuntou que, a pesar dos agravios e dos atrancos do Executivo de España, a Xunta segue a avanzar na atención á dependencia, co desenvolvemento do Plan de choque. De feito, Galicia reduciu os tempos de espera dous meses e medio e rexistra un máximo histórico de persoas con prestación, superando as 93.000 e co obxectivo de chegar ás 100.000 persoas atendidas este ano.

Homologacións automáticas e Bono Coidado no Fogar

Fabiola García tamén destacou os bos resultados da homologación automática da dependencia e da discapacidade, que xa ten beneficiado a máis de 15.000 persoas. Unha medida pioneira recorrida polo Goberno central polo seu afán de recadación, debido aos millóns de euros que deixa de ingresar polas exencións fiscais.

Por último, a conselleira lembrou o anunciou feito polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda no Debate sobre o Estado da Autonomía: a ampliación do alcance do Bono Coidado no Fogar para chegar a estas lexislatura a máis de 50.000 familias. Este bono pioneiro, que consiste nunha axuda de 5.000 euros ao ano para dependentes que reciben atención nas súas casas, pasou de 20.000 a 40.000 beneficiarios nos dous últimos anos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/04/2026