Belén do Campo preside a comisión territorial de coordinación cos directores territoriais para informar das medidas sobre o absentismo laboral e o concurso de traslados
Nesta liña, explicou que a Xunta avanzará na elaboración dun plan integral para reducir o impacto do absentismo en Galicia, dentro das súas competencias, co obxectivo de mellorar o funcionamento do sistema e garantir a protección dos dereitos tanto das empresas como das persoas traballadoras
No ámbito da saúde laboral, indicou que se prevé a creación de unidades especializadas para a atención e control das baixas derivadas de doenzas musculoesqueléticas e de psiquiatría menor, as máis frecuentes na actualidade
A Coruña, 23 de abril de 2026
A delegada territorial da Xunta presidiu hoxe a comisión territorial de coordinación na que participaron os directores territoriais das distintas consellerías, nun encontro de traballo centrado en dous eixos prioritarios: o abordaxe do absentismo laboral en Galicia e o proceso de reorganización do persoal da Administración autonómica ao abeiro do concurso de traslados cuia resolución publicouse no DOG do 17 de abril.
Durante a reunión, a delegada puxo de manifesto que os datos actuais evidencian unha realidade que debe ser abordada con rigor e responsabilidade por parte dun goberno comprometido coa cidadanía. Neste sentido, subliñou que o obxectivo da Xunta non é en ningún caso cuestionar as baixas laborais, que constitúen un dereito lexítimo das persoas traballadoras, senón adoptar medidas que permitan reducir o seu impacto negativo. Así, avanzou que se traballará na redución das baixas evitables, no reforzo da prevención de riscos laborais e do benestar no traballo, na optimización dos procesos de xestión e control para evitar prolongacións innecesarias e tamén na loita contra posibles abusos. Neste senso, a representante do Goberno autonómico lembrou que que o impacto económico das baixas laborais en empresas e administración é de 2.200 millóns anuais en Galicia, o su supón o 3% do PIB.
No ámbito da saúde laboral, indicou que se prevé a creación de unidades especializadas para a atención e control das baixas derivadas de doenzas musculoesqueléticas e de psiquiatría menor, as máis frecuentes na actualidade. Estas unidades servirán de apoio á atención primaria, ao tempo que se reforzará o papel das mutuas na revisión das incapacidades temporais, axilizando os procesos e garantindo unha xestión máis eficiente.
Belén do Campo destacou igualmente o papel clave do Diálogo Social como ferramenta fundamental para analizar esta situación, escoitando tanto a empresarios como a sindicatos e promovendo medidas eficaces desde o máximo respecto aos dereitos laborais. Neste marco, lembrou a recente aprobación do decreto que regula a composición, organización e funcionamento desta mesa, co obxectivo de consolidala como instrumento estratéxico para afrontar os retos actuais e adaptarse ás novas realidades económicas e sociais.
Nesta liña, explicou que a Xunta avanzará na elaboración dun plan integral para reducir o impacto do absentismo en Galicia, dentro das súas competencias, co obxectivo de mellorar o funcionamento do sistema e garantir a protección dos dereitos tanto das empresas como das persoas traballadoras.
Concurso traslados
Por outra banda, a comisión tamén abordou o proceso de reorganización do persoal da Administración autonómica a través do concurso de traslados dos corpos xerais, publicado o 17 de Abril, que permitirá a máis de 1.070 persoas empregadas públicas obter un novo destino conforme ás súas preferencias. Ademais, tamén poderán realizar elección de destino preto de 2.100 persoas que actualmente se atopan en situación provisional ou pendentes de adxudicación definitiva.
A delegada destacou que este proceso suporá o maior movemento de persoal da Administración xeral autonómica, nos últimos anos, con preto de 3.200 empregados públicos —un 12 % do total— que cambiarán de posto. O obxectivo é mellorar a dotación de recursos humanos e optimizar a prestación dos servizos públicos.
Finalmente, subliñou que a toma de posesión realizarase de forma coordinada, garantindo en todo momento a continuidade dos servizos á cidadanía e contribuíndo á estabilización e mellora do funcionamento da Administración pública galega.