Medio Rural reforza o apoio aos particulares afectados pola banda marrón con tratamentos gratuítos para facer fronte á enfermidade
A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, visitou hoxe un piñeiral no que se actuou o pasado ano en preto de 30 hectáreas
Desde a Consellería prevese actuar este 2026 nunha superficie de arredor de 4.000 hectáreas de montes de xestión privada, en colaboración coa Fundación Arume e a empresa pública Seaga, que se suman ás actuacións realizadas nos de xestión pública
Indicou que xa está publicada na web da Consellería a instrución coa información sobre a substitución por eucalipto de masas de piñeiro gravemente afectadas por banda marrón, para o caso daqueles propietarios que queiran acollerse a esta medida de flexibilización da moratoria
Vilasantar (A Coruña), 23 de abril de 2026
A Consellería do Medio Rural reforza o seu apoio aos particulares afectados pola banda marrón, ofrecendo por segundo ano consecutivo tratamentos gratuítos para facer fronte a esta enfermidade. Así o trasladou hoxe a directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, na súa visita a unha plantación de pinus radiata do concello de Vilasantar, na que se actuou o pasado ano nunha superficie de preto de 30 hectáreas.
Neste sentido, a directora xeral destacou que neste 2026 está previsto actuar en montes de xestión privada con tratamentos en arredor de 4.000 hectáreas de piñeiral para facer fronte a esta doenza. Deste xeito, os propietarios disporán deste servizo gratuíto que se ofrece desde o Goberno galego en colaboración coa Fundación Arume, que desempeña un papel de carácter técnico centrado na identificación de superficies, o contacto cos propietarios e o impulso da xestión forestal conxunta; e coa empresa pública Seaga, que será a encargada de executar os traballos.
Esta actuación contempla dúas intervencións anuais de fertilización foliar, unha en primavera e outra en outono, acompañadas dun seguimento técnico das masas para avaliar a súa evolución sanitaria. Estas accións permiten mellorar o estado nutricional das árbores, incrementar a súa resistencia fronte á enfermidade e manter o potencial produtivo da masa.
Ao mesmo tempo, sinalou que tamén se segue actuando actuar nos montes de xestión pública afectados pola enfermidade, co obxectivo de recuperar a vitalidade e produtividade das masas de Pinus radiata.
Instrución sobre a moratoria
A maiores, a directora xeral indicou que xa está publicada na web da Consellería a instrución sobre a substitución por eucalipto das masas de piñeiro gravemente afectadas pola banda marrón, para o caso daqueles propietarios forestais que queiran acollerse a esta medida de flexibilización da moratoria.
Este documento concreta os trámites necesarios en relación ao establecido na Lei de medidas que acompaña os orzamentos deste ano e que introduce dúas flexibilizacións na moratoria do eucalipto ata 2030. Así, nesta norma permítese, por un lado, o traslado da superficie de eucalipto a outra parcela, sempre e cando a parcela inicial se transforme a coníferas ou frondosas e a superficie da nova repoboación non supere, con carácter xeral, o 75 % do eucalipto que había na inicial. Por outro lado, a segunda flexibilización abre a posibilidade de substituír unha masa de piñeiros gravemente afectados pola banda marrón por eucaliptos nunha única quenda de corta. A plantación de eucaliptos quedará limitada a un máximo do 50% da superficie de piñeiro eliminada e o outro 50% deberá repoboarse con calquera outra especie de coníferas ou frondosas.
Documentación precisa polos propietarios
Tal e como se precisa na instrución, a plantación afectada por esta doenza ten que estar en pé, agás que se cortase despois da publicación da Lei de medidas e se teña toda a documentación que o acredite. A gravidade da afectación sanitaria e a inviabilidade técnica e económica da masa deberán acreditarse mediante un informe técnico. Este documento terá que certificar o axente causal, cun boletín oficial de resultados emitido por un laboratorio de referencia ou acreditado, achegar tamén evidencias gráficas xeorreferenciadas (fotografías) sobre a afectación e verificar a gravidade de afectación e a mortalidade real da masa.
Nesta liña, considerarase que existe unha grave afectación sanitaria da masa cando a mortalidade real (pés mortos e puntisecos por hectárea) supere o 25 % da densidade obxectivo establecida polo modelo silvícola correspondente. Todos os pés que excedan da densidade obxectivo serán tidos en conta para o cálculo da mortalidade real da masa.
Asemade, a solicitude de repoboación incorporará unha proposta completa de reforestación, que incluirá cartografía coa delimitación das superficies destinadas a eucalipto e a xustificación da viabilidade silvícola da nova configuración. A maiores, os interesados poderán optar pola posibilidade de solicitar que sexa a administración forestal a que realice a toma de mostras e a súa análise en laboratorio previo pago da taxa correspondente.