Este proxecto comezou no ano 2025 e estenderase ata o 2029, contando cun orzamento de 1,7 millóns de euros do programa europeo Interreg Europe
A Xunta participa no segundo taller do proxecto Cemtex destinado a abordar a sostibilidade e a economía circular nos téxtiles médicos
A reunión contou coa presenza de representantes do sector médico e téxtil, como a Agrupación Industrial Saúde de Galicia
O obxectivo principal da xornada foi revisar os avances e resultados obtidos durante o primeiro ano de CEMTex, ao mesmo tempo que explorar novas ideas para o deseño dunha bata cirúrxica máis sostible
O departamento sanitario galego é o único representante español neste proxecto europeo
Santiago de Compostela, 26 de abril de 2026
O Servizo Galego de Saúde, a través da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) e de Galaria, celebrou esta semana a segunda reunión do proxecto CEMTex, iniciativa europea de Interreg Europe que reúne aos principais actores do sector para abordar a sostibilidade e a economía circular nos téxtiles médicos.
O evento contou coa presenza do xerente do Sergas, José Ramón Parada; do xerente de ACIS, Antonio Fernández Campa; da xerente de Galaria, Rocío Mosquera; e da coordinadora de Economía Circular do Sergas, Beatriz Piñeiro.
O obxectivo principal da xornada foi revisar os avances e resultados obtidos durante o primeiro ano de CEMTex, ao mesmo tempo que explorar novas ideas para o deseño dunha bata cirúrxica máis sostible. A proposta dun deseño innovador busca minimizar a xeración de refugallos e a utilización de materiais contaminantes, contribuíndo á redución de téxtiles dun só uso nos hospitais e centros de saúde.
O obradoiro permitiu xerar un espazo de colaboración entre todos os asistentes para pensar en solucións tecnolóxicas innovadoras que fomenten a reutilización e a reciclaxe dos téxtiles médicos, área clave dentro dos esforzos por avanzar cara a unha economía máis circular no ámbito sanitario.
Diminución de residuos na práctica médica
CEMTex segue a ser unha das iniciativas máis relevantes para mellorar a sostibilidade dos téxtiles médicos, un paso importante para a redución da pegada de carbono da industria sanitaria, con especial énfase na reutilización de materiais e a diminución de residuos na práctica médica.
O proxecto CEMTex comezou en maio de 2025 e estenderase ata 2029, cun orzamento de 1,7 M€ de fondos europeos o o obxectivo de pechar o ciclo dos téxtiles médicos, aplicando os principios da economía circular para reducir o impacto ambiental.
O proxecto conta coa participación da provincia de Gelderland (Países Baixos) como coordinadora, xunto socios de Dinamarca, Italia, Romanía, Luxemburgo, República Checa e Ucraína. O Servizo Galego de Saúde, a través da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, é o único representante español neste proxecto europeo.
Na reunión tamén participaron actores clave como a Agrupación industrial de Saúde Galicia, o director de coordinación do 061 e integrantes da Escola de deseño e moda.