Mar impulsa a incorporación de novos profesionais á vixilancia dos recursos cun curso de GardaRural na especialidade de Gardapesca marítimo
Disporá de 20 prazas e o prazo de solicitude permanecerá aberto desde hoxe ata o 5 de maio, ás 14:00 horas
Santiago de Compostela, 28 de abril do 2026
A Consellería do Mar, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, desenvolverá un curso de GardaRural na especialidade de Gardapesca Marítimo, co obxectivo de fomentar a incorporación de novos profesionais dedicados á vixilancia, control e protección dos recursos pesqueiros e marisqueiros.
A convocatoria oferta un total de 20 prazas, que se cubrirán por rigorosa orde de entrada no rexistro. Co fin de asegurar unha participación equilibrada en todo o territorio galego, establécese inicialmente un límite de dúas prazas por concello. No caso de quedar vacantes trala primeira asignación, ampliarase o número de prazas por municipio ata completar a totalidade da oferta.
O prazo de inscrición permanecerá aberto desde hoxe ata o 5 de maio ás 14:00 horas. As solicitudes deberán presentarse exclusivamente por vía electrónica a través do formulario PROO4A, dispoñible na sede electrónica da Xunta.
A formación, que consta de 15 sesións, impartirase en Santiago de Compostela, todos os venres e sábados entre o 16 de maio e o 10 de outubro, en horario de 09:00 a 15:00 horas.
A relación de persoas seleccionadas publicarase na páxina web da Consellería do Mar. Aquelas persoas que non obteñan praza pasarán a formar parte dunha lista de agarda, que se utilizará para cubrir posibles vacantes que poidan producirse ao longo do mes de maio.