Belén do Campo destaca en Rois o apoio da Xunta de 64.000€ para mellorar a eficiencia enerxética de dous edificios deportivos e para adquisición de equipamentos para a protección do medio ambiente
A delegada da Xunta puxo en valor “o firme compromiso da Xunta de Galicia cos concellos do rural para que poidan seguir avanzando en sustentabilidade, modernización de servizos e mellora da calidade de vida da veciñanza”
Rois (A Coruña), 28 de abril de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Rois, Ramón Tojo, visitou hoxe o municipio para comprobar as actuacións executadas grazas ao apoio do Goberno galego ao abeiro de dúas liñas de financiamento destinadas á mellora das infraestruturas municipais e á protección do medio ambiente. Todas estas actuacións benefician a todas as veciñas e veciños do Concello de Rois porque inciden directamente na mellora da súa calidade de vida.
Durante a visita, a representante do Executivo autonómico supervisou, por unha banda, as melloras de eficiencia enerxética levadas a cabo en 2 edificios deportivos municipais, o pavillón de Urdilde e campo de fútbol da Braña grazas a unha achega de 40.000 euros do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local para concellos de menos de 15.000 habitantes, e, por outra, o novo equipamento adquirido co apoio da Xunta a través do Fondo de Compensación Ambiental non competitivo, que permitiu ao Concello incorporar unha desbrozadora para traballos de limpeza e conservación do territorio grazas a unha achega de 24.000 euros.
Belén do Campo puxo en valor “o firme compromiso da Xunta de Galicia cos concellos do rural para que poidan seguir avanzando en sustentabilidade, modernización de servizos e mellora da calidade de vida da veciñanza”.
Melloras enerxéticas en instalacións deportivas
No percorrido polas instalacións municipais, a delegada comprobou as actuacións realizadas para incrementar a eficiencia enerxética nos dous edificios deportivos e puxo en valor a importancia de continuar modernizando os equipamentos públicos para facelos máis sostibles, eficientes e adaptados ás actuais esixencias de aforro enerxético e transición ecolóxica.
No pavillón deportivo de Urdilde, a actuación consistiu na instalación dun novo sistema de ventilación mecánica mediante a colocación de catro ventiladores helicoidais murais de altas prestacións, destinados a mellorar a renovación do aire interior e optimizar as condicións térmicas do recinto.
Coa nova instalación xa en funcionamento, favorécese a evacuación do aire quente acumulado en altura, mellórase a ventilación cruzada natural con apoio mecánico e redúcese a temperatura interior nos períodos máis cálidos sen necesidade de empregar sistemas de aire acondicionado de alto consumo. Esta mellora permitirá un aforro estimado de entre 10 e 20 kWh diarios nunha xornada típica de verán.
Na segunda actuación, no edificio de vestiarios do campo de fútbol da Braña, na visita estivo acompañada polo presidente do CD de Rois, Ramón Carou, na que comprobaron que se levou a cabo a renovación integral do sistema solar térmico destinado á produción de auga quente sanitaria, co fin de mellorar o rendemento enerxético desta instalación. Esta instalación presta servizo ao CD de Rois que contan con 300 fichas de todas as categorías ata veteranos e 3 equipos femininos.
Os traballos permitiron substituír os catro paneis solares térmicos existentes, que se atopaban avariados e sen funcionamento operativo, así como renovar o interacumulador danado e o resto dos elementos auxiliares da instalación, entre eles tubaxes illadas, válvulas e sistemas de purga.
Isto permitirá reducir o consumo enerxético auxiliar entre 1.200 e 1.600 quilovatios hora ao ano e evitar a emisión de entre 300 e 350 quilos anuais de dióxido de carbono á atmosfera.
A delegada destacou que ambas intervencións supoñen un avance relevante na mellora da clasificación enerxética dos inmobles deportivos municipais, ao tempo que incrementan o confort e a calidade do servizo para as persoas usuarias.
Belén do Campo lembrou que a convocatoria de 2025 contou cunha dotación global de 5 millóns de euros para toda Galicia por concorrencia competitiva. Na provincia da Coruña resultaron beneficiarios desta convocatoria 29 concellos, cun investimento autonómico total de 1,6 millóns de euros.
Esta liña está destinada á execución de obras de mellora da eficiencia enerxética en inmobles de titularidade municipal destinados á prestación de servizos públicos, dirixida especificamente a concellos con poboación inferior aos 15.000 habitantes.
Novo equipamento para a limpeza e conservación do territorio
A visita serviu tamén para supervisar o novo equipamento adquirido polo Concello de Rois ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental non competitivo, mediante o cal a Xunta concedeu unha achega de case 24.000 euros dun investimento total de 55.000 euros para a incorporación dunha desbrozadora destinada aos labores de limpeza, mantemento e conservación de espazos naturais e vías municipais.
A nova desbrozadora de brazo articulado destinada a reforzar os traballos de mantemento das estradas municipais e as tarefas de prevención e apoio na loita contra os incendios forestais.
Durante a visita, a representante autonómica comprobou o funcionamento desta nova maquinaria, xa incorporada aos servizos municipais, e puxo en valor a importancia de continuar colaborando cos concellos na mellora dos seus medios materiais, co obxectivo de ofrecer unha resposta máis eficaz ás necesidades da veciñanza e garantir unha maior conservación do medio rural.
Neste sentido, a representante da Xunta destacou que a dispersión poboacional do municipio, integrado por 112 aldeas, fai imprescindible contar con equipamentos modernos, eficientes e adaptados ás características do territorio, capaces de dar unha cobertura máis ampla e áxil ao conxunto da rede viaria e dos núcleos rurais.
A maquinaria adquirida é unha desbrozadora de brazo articulado para acoplar a tractor, dotada cun alcance horizontal de 5,10 metros, alcance vertical de 6,33 metros, alcance en taludes de 5,19 metros, prestacións que permitirán optimizar os traballos de limpeza e mellorar a capacidade operativa do Concello.
Belén do Campo subliñou que esta liña de axudas constitúe “unha mostra clara do compromiso do Goberno galego coa preservación do medio ambiente e coa mellora da calidade de vida da cidadanía, apoiando aos concellos na adquisición de medios que lles permitan unha xestión máis eficaz e sostible do territorio”.
A delegada lembrou que o Fondo de Compensación Ambiental distribuíu o pasado ano en toda Galicia a modalidade non competitiva contou con 6 millóns de euros, co obxectivo de redistribuír o canon eólico e reinvestilo en actuacións de conservación, restauración ambiental e reequilibrio territorial.
No caso da provincia da Coruña, a modalidade non competitiva contou con máis de 2,2 millóns de euros para 49 beneficiarios.
Na comarca do Sar, as achegas correspondentes á liña non competitiva ascenderon a máis de 35.000 euros, beneficiando aos concellos de Rois, Padrón e Dodro.