O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a presidenta do Colexio de Educadores, Sonia González, asinaron un novo convenio de colaboración
A consellería de Sanidade e o colexio de educadores sociais de Galicia achegan o proxecto Aloumiños a 20 concellos para combater a soidade non desexada
No marco deste convenio, o departamento sanitario da Xunta investirá 120.000 euros para reforzar o benestar emocional e fomentar as relación veciñais
Os centros de saúde traballarán para detectar aquelas persoas que se atopen en situación de soidade non desexada para, de seguido, informarlles da posibilidade de participar nesta iniciativa
O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia contratará un equipo de 5 profesionais e un coordinador para desenvolver este proxectos
O proxecto Aloumiños levarase a cabo nos concellos de Cerceda, Ordes, Tordoia, Trazo, As Somozas, Moeche, Neda, San Sadurniño, Abegondo, Mesía, Frades, Carral, A Pastoriza, Pol, Abadín, Riotorto, Alfoz, Muras, Mondoñedo e O Valadouro
Santiago de Compostela, 28 de abril de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a presidenta do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, Sonia González Rodríguez, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para o desenvolvemento do proxecto Aloumiños en 20 concellos galegos co obxectivo de combater a soidade non desexada e reforzar o benestar emocional.
O obxectivo desta iniciativa, que conta cun orzamento de 120.000 euros, é mellorar a saúde mental da cidadanía por medio de andainas saudables e actividades de dinamización social en grupo. Así, desde os centros de saúde de Galicia buscarase detectar as persoas que se atopen en situación de soidade non desexada para, de seguido, informalos do programa e formar grupos dirixidos por persoal especializado.
Deste xeito, abordarase o benestar emocional e realizaranse actividades que fomenten as relacións veciñais coa fin de procurar o acompañamento. Para isto, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia contratará un equipo de 5 educadores sociais máis un coordinador, que se encargarán de desenvolver esta iniciativa en vinte concellos da comunidade.
En concreto, en 2026 o proxecto Aloumiños levarase a cabo nos concellos de Cerceda, Ordes, Tordoia, Trazo, As Somozas, Moeche, Neda, San Sadurniño, Abegondo, Mesía, Frades, Carral, A Pastoriza, Pol, Abadín, Riotorto Alfoz, Muras, Mondoñedo e O Valadouro.
En 2025, este programa contou cun total de 274 persoas participantes, sendo o 82,12 % mulleres e co rango de idade maioritario situado entre os 70 e os 79 anos (47,08 % do total).
O proxecto Aloumiños está aliñado cos obxectivos da Estratexia de Saúde Mental do Sistema Nacional de Saúde e coas accións promovidas desde a Subdirección Xeral de Atención á Saúde Mental da Consellería no obxectivo de promover cambios na percepción e as actitudes sociais que favorezan a integración e a participación social das persoas con problemas de saúde mental.