A Xunta e o sector turístico coordinan accións no destino ‘Starlight’ de Chantada para prepararse para a eclipse deste verán
O delegado territorial, Javier Arias, destaca que Lugo será un dos mellores lugares para observar este fenómeno excepcional, xa que é a provincia galega con maior presenza da franxa de totalidade
Apunta que o Goberno galego está a traballar en colaboración cos axentes locais para aproveitar todas as oportunidades de impulso turístico que brinda este acontecemento
Chantada (Lugo), 28 de abril de 2026
Chantada acolleu hoxe unha das xornadas divulgativas sobre a eclipse que está a impulsar a Xunta, a través da Axencia de Turismo de Galicia, nos destinos Starlight, co fin de prepararse para este acontecemento que se producirá o 12 de agosto en coordinación co sector turístico local.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, interviu na actividade, que contou tamén co presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal; o presidente da Confederación Galega de Empresarios de Hostalería e Turismo, Cheché Real; e o alcalde chantadés, Manuel Lorenzo, entre outras persoas.
Arias apuntou que Lugo será un dos mellores lugares para avistar este fenómeno excepcional, xa que é a provincia galega con maior presenza da franxa de totalidade, que atravesará a meirande parte do territorio.
Afirmou que a Xunta está a traballar para aproveitar todas as oportunidades que brinda esa posición privilexiada dende o punto de vista turístico. Nese sentido, en colaboración cos destinos Starlight estanse a impulsar unha serie de xornadas promocionais que terán continuidade o 10 de maio na comarca dos Ancares – a sede será a Casa do Concello de Navia de Suarna -.
Neste tipo de encontros achégase información práctica sobre a eclipse, cales son os mellores lugares avistala, as indicacións para facelo de forma segura e mesmo como captar instantáneas, coa realización dun simulacro e prácticas de fotografía.
A Xunta activa unha páxina web específica
O Goberno galego activou unha web específica sobre a eclipse, con información de servizo orientada a unha observación segura e sen contratempos. A plataforma inclúe un mapa interactivo que permite consultar, concello a concello, detalles como a hora de inicio, duración, características —se é total ou parcial—, predición meteorolóxica.... Os contidos irán actualizándose a medida que se achegue o 12 de agosto.
Visible dende catro países
Este fenómeno non se produce na Península desde 1912, hai máis de 110 anos, e non volverá repetirse con carácter total ata o ano 2180. A fase de totalidade —momento no que a lúa oculta completamente o sol— só será visible desde catro países, entre eles España.
A franxa de totalidade atravesará o territorio galego desde Estaca de Bares, en Mañón, ata a comarca de Valdeorras, limítrofe con Castela e León, percorrendo áreas das catro provincias. En total, 143 concellos galegos —o 45,6% do total— situaranse na zona de observación privilexiada, abarcando a práctica totalidade da provincia de Lugo, o norte da provincia da Coruña, o nordeste da provincia de Ourense e áreas do interior de Pontevedra. No resto do territorio poderá observarse de maneira parcial.
Segundo as previsións, a hora de inicio será arredor das 19:31 horas e prolongarase ata as 21:23 horas, acadando o seu momento de máxima escuridade entre as 20:28 e as 20:30 horas, en función da localización.