A conselleira de Política Social e Igualdade realiza esta semana unha viaxe institucional por América Latina, cuxa primeira parada está na cidade de Bos Aires

Fabiola García presenta en Arxentina as políticas impulsadas pola Xunta para garantir o benestar dos maiores e o envellecemento activo

A conselleira reuniuse coa experta en silver economy Liliana Paredes e explica que o Goberno galego busca “dar as máximas oportunidades” aos maiores e “garantir que o envellecemento en Galicia sexa sinónimo de calidade de vida”

Destacou o compromiso da entidade Ospaña na promoción do benestar social e sanitario dos galegos residentes en Bos Aires

Visitou o stand da Xunta na Feira Internacional do Libro de Bos Aires, que se celebrará na cidade ata o vindeiro 11 de maio

Bos Aires (Arxentina), 29 de abril de 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, iniciou onte a viaxe institucional de cinco días por América Latina cunha primeira parada en Bos Aires, onde comezou unha rolda de contactos con expertos no sector sénior e a silver economy. O obxectivo destes encontros é presentar as medidas impulsadas por Galicia neste eido e reforzar o intercambio de experiencias para impulsar novas accións destinadas a garantir o benestar dos maiores e o envellecemento activo.

Na primeira xornada, na que estivo acompañada do delegado da Xunta en Arxentina, Alejandro López, a conselleira mantivo un encontro de traballo coa xornalista Liliana Parodi, que lidera desde 2020 o congreso anual sobre silver economy, Silver Economy Forum Latam. Trátase dunha iniciativa que reúne a representantes do sector público, empresas, expertos e organizacións sociais co obxectivo de fomentar o diálogo, a colaboración e o desenvolvemento de solucións innovadoras vinculadas á lonxevidade.

Durante a audiencia, Fabiola García presentou as políticas de Galicia en materia de envellecemento activo e saudable e explicou que o obxectivo da Xunta é “posicionar a Galicia como un referente neste ámbito, animando aos nosos maiores a que viaxen, que se formen e que se coiden”. Así, destacou que o Goberno galego busca “dar as máximas oportunidades” aos maiores e para “garantir que o envellecemento en Galicia siga sendo sinónimo de calidade de vida”.

Entre outras iniciativas, a conselleira puxo de exemplo programas como Benestar en Balnearios, as iniciativas deseñadas en colaboración coas universidades, as Aulas Sénior, o programa Xuntos polo Nadal ou o Carné+65.

Visita Ospaña

Posteriormente, a conselleira de Política Social e Igualdade realizou unha visita a Ospaña, entidade social fundada en 2007 para a atención sanitaria da colectividade española residente no país, especialmente emigrantes e os seus descendentes. Durante o acto, Fabiola García destacou o compromiso e a dedicación este tipo de entidades na promoción do benestar social e sanitario dos seus milleiros de afiliados españois, en particular galegos residentes na cidade de Bos Aires e a súa contorna. Subliñou, ademais, a importancia da atención sanitaria integral proporcionada por Ospaña, que beneficia persoas de todas as idades e situacións económicas na comunidade española da Arxentina.

Por último, a primeira xornada da viaxe institucional rematou coa visita á Feira Internacional do Libro de Bos Aires, un evento que se celebra na cidade entre o 23 de abril e o 11 de maio e que celebra este ano o seu 50º aniversario. Concretamente, a conselleira percorreu o stand impulsado pola Xunta de Galicia, no que se desenvolverá unha programación variada que combinará presentacións literarias, conferencias, talleres e actividades culturais, co obxectivo de difundir a cultura galega, a súa literatura e o seu vínculo histórico con América.

Viaxe institucional

Durante esta viaxe, Fabiola García manterá reunións coa colectividade galega e visitará diferentes centros residenciais, onde explicará as particularidades do modelo de coidados de Galicia.

A conselleira trasladará ós galegos emigrados as políticas públicas impulsadas en Galicia para fomentar o envellecemento activo e saudable, con medidas pioneiras como o Carné +65. Así mesmo, tamén exporá algunhas das iniciativas da Xunta orientadas ás familias como a gratuidade da educación infantil ou a Tarxeta Benvida,  que permiten situar a comunidade como un referente na conciliación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/04/2026