Rueda destaca que a reapertura do criadeiro de bivalvos do Vicedo reforza a posición de Galicia na investigación mariña
As novas instalacións, en funcionamento desde o 13 de abril, permitirán o subministro regular de sementes ás confrarías para repoboar os bancos marisqueiros
Terá capacidade para a cría de máis de tres millóns de unidades de ameixas e outras especies e compaxinará o labor de produción de semente coa investigación e innovación no eido mariño
Afirma que o Goberno galego vai seguir traballando para que a pesca e o marisqueo sigan sendo unha das nosas fontes de riqueza e orgullo
Lembra que a Xunta destina case 23 M€ a un paquete de axudas para a restauración dos bancos afectados polos temporais dos últimos meses
O Vicedo (Lugo), 29 de abril de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que a reapertura do criadeiro de bivalvos do Vicedo reforza a posición de Galicia na investigación mariña. Un feito que tamén supón situar o norte de Lugo como nodo estratéxico de primeiro nivel dentro da rede de investigación do mar da nosa comunidade e garantir o subministro regular de semente propia ás confrarías de toda Galicia para acelerar a recuperación das rías.
Durante unha visita ás novas instalacións, que foron reformadas e retomaron a súa actividade o pasado 13 de abril, Rueda resaltou que “houbo unha riqueza que hai que tentar recuperar” e que sexa “da máxima calidade”, en alusión ás fortes choivas dos últimos meses causaron a baixada da salinidade nas augas, o que provocou a morte de moitos bivalvos nalgúns bancos marisqueiros da comunidade.
Neste sentido, o mandatario galego afirmou que a Xunta vai seguir traballando “para que a pesca e o marisqueo sigan sendo unha das nosas fontes de riqueza e orgullo” e para conservar “paisaxes e contornas que marabillan á xente”.
O titular do Executivo galego encomiou o traballo de moitos profesionais “que levan moito tempo estudando o que hai que facer para ter o mellor marisco do mundo”, destacando a aposta da Xunta por fomentar a investigación no eido marítimo como piar para acadar un sector máis moderno, sostible e competitivo, e asegurando que é “fundamental” que centros de coñecemento e profesionais do marisqueo colaboren á hora de restaurar ou mellorar as zonas de produción. Cómpre salientar que grazas á investigación melloráronse os plans de xestión marisqueira, avanzouse na loita contra as biotoxinas mariñas e mellorouse a trazabilidade dos produtos do mar.
O presidente tamén lembrou que Galicia é “a primeira rexión pesqueira de Europa” e destacou que a Xunta vén de aprobar un paquete de medidas -dotado de 22,7 millóns de euros- para a restauración e conservación dos bancos marisqueiros afectados “por todos estes meses de tanta chuvia”. Serán algo máis de 19 millóns para asinar convenios coas confrarías para tarefas de recuperación de ecosistemas -con medidas como limpeza de zonas, control de depredadores ou sementeiras-, outros dous millóns para proxectos de conservación da biodiversidade mariña e 1,5 millóns para a repoboación dos bancos máis afectados.
Novas instalacións no Vicedo
O criadeiro do Vicedo, que vén de reabrir as portas e que forma parte dun proxecto no que se investirán máis de 700.000 €, terá capacidade para producir anualmente tres millóns de unidade de ameixa -dous de xaponesa e outro de babosa- así como doutras especies. O obxectivo é aumentar a produción propia de sementes en Galicia para posteriormente poder repoboar os bancos marisqueiros afectados por unha elevada mortalidade de moluscos.
As novas instalacións, lideradas polo Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) en colaboración coa Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo, compaxinará a reprodución e cría de moluscos con tarefas de investigación e innovación no marco do proxecto Part-Biv, que busca implicar aos mariscadores en todo o proceso desde que se obteñen as larvas ata que chega o momento de sementala nos bancos.