O conselleiro de Educación presentou esta nova ferramenta desenvolvida ao abeiro do Plan de benestar dixital en véspera do Día Contra o Acoso Escolar

Galicia impulsa o Contrato de Vida Dixital para reforzar e facilitar a corresponsabilidade no uso da tecnoloxía entre alumnado, familias e centros

Román Rodríguez salienta a importancia de “traballar de xeito coordinado e dialogado” para promover os hábitos responsables ante o uso de dispositivos dixitais

O contrato, que é voluntario, promove acordos colectivos con cláusulas específicas para cada unha das partes en prol dun manexo dixital responsable e seguro

O alumnado comprométese a non compartir imaxes e información de terceiros sen o seu consentimento, respectar os horarios de desconexión pactados, facer un uso correcto da IA ou a informar ao seu titor se recibe mensaxes que lle causen medo ou vergoña

As familias que o subscriban deberán establecer límites nos tempos de uso e acompañar aos seus fillos no emprego das tecnoloxías

Os centros docentes ofrecerán información axeitada e fomentarán o espírito crítico

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2026

A Xunta de Galicia presenta en vésperas do Día Internacional Contra o Acoso Escolar o novo Contrato de Vida Dixital, unha iniciativa pioneira orientada a promover un uso responsable da tecnoloxía entre o alumnado galego a través da implicación directa das familias e dos centros educativos.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe o Instituto de Pontepedriña, en Santiago de Compostela, para dar a coñecer esta nova ferramenta desenvolvida ao abeiro do Plan de benestar dixital e que forma parte do amplo abano de medidas impulsadas pola Consellería para afrontar os retos e desafíos do uso das tecnoloxías no eido educativo e mellorar a convivencia. De feito, neste instituto compostelá levouse a cabo, de maneira simbólica, a primeira firma do contrato entre un alumno, seu pai e o centro.

O contrato que, segundo explicou Román Rodríguez, “é de carácter voluntario”, baséase nun modelo de corresponsabilidade no que alumnado, familias e profesorado adquiren compromisos compartidos para regular o uso dos dispositivos electrónicos, especialmente fóra do horario escolar. A súa aplicación realizarase a través dos titores, que ofrecerán este acordo ás familias coa finalidade de lograr a adhesión conxunta de todo o alumnado dunha mesma aula.

Compromiso compartido e colectivo

Román Rodríguez salientou que o éxito desta iniciativa dependerá dunha implicación coordinada de toda a comunidade educativa. Precisamente, ao tratarse dunha ferramenta pensada para adquirir un compromiso colectivo e compartido, “búscase facilitar ás familias a tarefa de control, ofrecendo un marco común que reduza as dificultades individuais á hora de establecer normas”, explicou o conselleiro.

Unha maior concienciación sobre os dispositivos dixitais e o xeito no que se empregan xera un maior benestar e, en consecuencia, unha mellor convivencia. Nese senso, trátase dunha medida que tamén contribúe a mellorar a prevención do ciberacoso, unha lacra que esixe a tolerancia cero por parte de todas a sociedade e cuxo día se conmemorará precisamente este sábado.

Así pois, o Contrato de Vida Dixital artéllase como unha ferramenta práctica que traslada ao día a día o compromiso colectivo por un uso consciente, equilibrado e seguro da tecnoloxía. Con esta medida, Galicia avanza cara a un modelo educativo que non só incorpora a dixitalización, senón que tamén garante o benestar e a protección do alumnado nun contexto de transformación constante.

Ademais, o programa inclúe un seguimento do uso da tecnoloxía e accións formativas dirixidas ás familias, co fin de mellorar o acompañamento educativo no ámbito dixital. Deste xeito, preténdese que os menores asuman tamén un papel activo, baseado na responsabilidade e na autorregulación do seu comportamento.

Cláusulas para cada parte

O Contrato establece unha serie de obrigas e cláusulas adaptadas a cada unha das partes implicadas, tal e como explicou o catedrático de Dereito Constitucional na Universidade de Santiago de Compostela, José Julio Fernández, que foi o encargado de presentar de xeito pormenorizado o contido do mesmo. Non en balde, Fernández, que tamén ocupou o cargo de Valedor do Pobo, formou parte do grupo de traballo que deseñou o Plan de benestar dixital que incorpora este contrato, no cal participaron recoñecidos expertos dos eidos da docencia, da pedagoxía, da psicoloxía, da tecnoloxía e da medicina.

No caso do alumnado adherido ao mesmo, comprométese a empregar os dispositivos dixitais de xeito seguro e responsable e a non compartir fotos, vídeos ou información de terceiros sen permiso explícito. Tamén deberá manter unha linguaxe respectuosa nas redes, sen difundir insultos nin rumores humillantes, respectar os horarios de desconexión acordados, non usar a intelixencia artificial de maneira fraudulenta e informar ao titor se recibe mensaxes inapropiados que lle xeren medo ou vergoña.

No que atinxe á familia, esta comprométese a establecer límites nos tempos de uso, acompañar ao alumno no emprego da tecnoloxía e comunicar ao centro as incidencias que poidan detectar.

Por parte do centro docente, este comprométese a ofrecer formación axeitada sobre o uso seguro da tecnoloxía, fomentar o espírito crítico, promover plataformas e ferramentas educativas con garantías e manter protocolos de actuación fronte ao ciberacoso. Tamén deberá garantir a confidencialidade das comunicacións ligadas a este contrato.

Tanto o período de vixencia do contrato como as consecuencias do seu incumprimento establécenas o centro e as familias e quedarán recollidas no anexo do propio contrato no momento da súa sinatura por todas as partes.

Medida integrada nunha estratexia máis ampla

O Contrato de Vida Dixital enmárcase dentro do Plan de Benestar Dixital 2030, que conta cun investimento de 7,4 millóns de euros e que aposta por un equilibrio entre o uso da tecnoloxía, a saúde emocional e o desenvolvemento persoal do alumnado. Este plan inclúe, entre outras accións, programas de desconexión, alfabetización mediática e iniciativas para comprender o impacto da intelixencia artificial.

Cómpre lembrar que, ademais do mencionado catedrático Julio Fernández, no deseño deste plan participaron profesionais de renome como Antonio Rial Boubeta, profesor do Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía da USC; Susana Rey García, médico pediatra e presidenta da Sociedade de Pediatría de Galicia; María Dolores Fernández Tilve, profesora do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC; Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia; Susana Lamela, orientadora do Colexio As Veigas de Ponteareas, e Marta Barrios, especialista do Equipo de Orientación Específico de Lugo, entre outros.

Así mesmo, a Xunta ten en exposición pública o Anteproxecto da Lei de Educación dixital de Galicia, un marco normativo pioneiro a nivel estatal que reforzará a protección do alumnado fronte aos usos indebidos da tecnoloxía, integrando aspectos clave como a protección de datos e o uso ético das ferramentas dixitais.

A maiores, o Goberno galego está a intensificar as actuacións a prol da boa convivencia nos centros educativos. Faino a través dun amplo abano de iniciativas do Plan integral contra o acoso e o ciberacoso escolar como a actualización do Protocolo para a prevención, detección e tratamento dos posibles casos; a instalación de Puntos Laranxa de denuncia, a creación dos chamados Equipos ACAE, integrados por profesorado para intervir ante a mínima sospeita; o lanzamento do Termómetro de Alerta Escolar, que calquera centro pode activar en calquera momento para detectar problemas de convivencia, ou a posta en marcha da nova Rede de Concellos contra o Acoso Escolar, co fin de fortalecer a coordinación entre institucións para a sensibilización, prevención e actuación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/04/2026