A entrega oficial do recoñecemento terá lugar o vindeiro 9 de xuño en Madrid
A iniciativa da Xunta de Praias, parques e portos sen fume recibe o recoñecemento do Ministerio de Sanidade como boa práctica do sistema nacional de saúde
O programa galego foi seleccionado na área de Promoción da Saúde e Prevención
A iniciativa galega impulsa a creación de espazos públicos libres de fume, especialmente en praias, parques e portos, co obxectivo de protexer á poboación fronte ao tabaco
O programa baséase na adhesión voluntaria dos concellos e na colaboración entre administracións, cidadanía e axentes comunitarios
O Executivo galego valora este recoñecemento como un respaldo ao traballo desenvolvido na comunidade en materia de prevención do tabaquismo e promoción da saúde comunitaria
Galicia foi pioneira na protección da xente moza fronte ás novas formas de adición coa Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas aditivas que entrou en vigor o pasado 7 de marzo
Santiago de Compostela, 2 de maio de 2026
A Xunta de Galicia foi recoñecida polo Ministerio de Sanidade na Convocatoria de Boas Prácticas do Sistema Nacional de Saúde 2025-2026 pola iniciativa Praias, parques e portos sen fume, seleccionada na área de Promoción da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde.
Este recoñecemento distingue experiencias desenvolvidas polas comunidades autónomas e entidades públicas que destacan pola súa calidade, impacto, innovación, sostibilidade e capacidade de ser replicadas noutros territorios.
A entrega oficial do recoñecemento terá lugar o vindeiro 9 de xuño, durante a Xornada de Boas Prácticas do Sistema Nacional de Saúde, que se celebrará na sede do Ministerio de Sanidade en Madrid.
Unha rede galega de espazos saudables e libres de fume
A iniciativa galega impulsa a creación de espazos públicos libres de fume, especialmente en praias, parques e portos, co obxectivo de protexer á poboación fronte ao tabaco.
Ademais, esta medida do Goberno galego ten por obxectivo promover estilos de vida saudables así como desnormalizar o consumo de tabaco en espazos familiares e de lecer.
Con esta iniciativa tamén se reforza o papel exemplarizante das persoas adultas diante de nenos, nenas e adolescentes e redúcese o impacto ambiental derivado das cabichas e residuos asociados ao tabaco.
Cómpre remarcar que o programa baséase na adhesión voluntaria dos concellos e na colaboración entre administracións, cidadanía e axentes comunitarios.
Referente estatal en prevención
A Consellería de Sanidade valora este recoñecemento como un respaldo ao traballo desenvolvido en Galicia en materia de prevención do tabaquismo e promoción da saúde comunitaria.
Así mesmo, pon en valor o compromiso dos concellos adheridos, cuxa implicación foi clave para consolidar unha rede que medra ano tras ano e que constitúe xa unha referencia a nivel estatal.
Galicia foi pioneira na protección da xente moza fronte ás novas formas de adición coa Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas aditivas que entrou en vigor o pasado 7 de marzo, coa prohibición do consumo de bebidas enerxéticas e vapeadores a menores, entre outras medidas.
A Xunta de Galicia continuará a impulsar políticas públicas orientadas a crear contornas máis saudables, protexer á infancia e avanzar na prevención de enfermidades evitables mediante actuacións eficaces, sostibles e próximas á cidadanía.