Galicia mobilizou xa máis do 71 % dos recursos programados no Plan Estratéxico da PAC 2023-2027

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañou hoxe aos participantes no Comité de Seguimento Rexional do PEPAC na súa visita á adega Pazo de la Cuesta, beneficiaria das axudas de desenvolvemento rural dos fondos Feader

O orzamento total programado do PEPAC para Galicia supera os 847 millóns de euros de gasto público total para o conxunto do período

Esta boa xestión fixo posible que a nosa comunidade vaia recibir preto de 1,5 millóns de euros adicionais, como consecuencia da activación, por primeira vez, do mecanismo de boa execución destes recursos

Ribas de Sil (Lugo), 30 de abril de 2026

A mobilización de fondos do Plan Estratéxico da Política Agrícola Común (PEPAC 2023-2027) de Galicia supera actualmente o 71 % no que atinxe ao gasto público total programado (que inclúe o cofinanciamento de Xunta e Goberno Central) e achégase ao 72 % no que se refire unicamente ao importe do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Estes datos foron avaliados hoxe polo Comité de Seguimento Rexional do PEPAC, reunido en Sober (Lugo) e que ademais de contar con diferentes representantes da Consellería está integrado por membros do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e da Comisión Europea. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañou esta tarde aos participantes nesta xuntanza durante a súa visita á adega Pazo de la Cuesta, beneficiaria de axudas do Feader.

O comité de seguimento, que estivo presidido pola secretaria xeral técnica da Consellería, Marta Forés, constatou o elevado grao de mobilización de fondos dun plan que canaliza o investimento público global no rural galego, contabilizando tanto as achegas europeas como as estatais e autonómicas.

Precisamente, esta boa xestión fixo posible que a nosa comunidade vaia recibir preto de 1,5 millóns de euros adicionais, como consecuencia da activación, por primeira vez, do mecanismo de boa execución do PEPAC. Este investimento vén da aplicación da regra N+2 establecida pola Comisión Europea, segundo a cal os importes comprometidos nun exercicio orzamentario deben executarse antes do 31 de decembro do segundo ano seguinte. En caso contrario, os fondos son liberados automaticamente e distribúense entre as diferentes comunidades autónomas cumpridoras.

Desenvolvemento sostible do rural

O orzamento total programado do PEPAC para Galicia supera os 847 millóns de euros de gasto público total para o conxunto do período, cunha achega de fondos Feader que se aproxima aos 580 millóns. Neste sentido, cómpre sinalar que estes fondos son esenciais para o desenvolvemento sostible do rural, a consolidación da actividade agrícola e gandeira, a rendibilidade económica das explotacións e o mantemento de poboación no medio rural. A finalidade destas axudas é manter o sector agrícola europeo, de xeito que se compensa ás persoas que traballan no agro polos servizos ambientais que proporcionan, a calidade das súas producións e as esixencias lexislativas de máximo nivel marcadas pola UE a prol da sustentabilidade.

Adega Pazo de la Cuesta

No contexto desta reunión de traballo, os integrantes do Comité tiveron a oportunidade de coñecer varios proxectos financiados con fondos Feader. Así, onte visitaron a gandaría de Pazos SCG, situada no concello coruñés de Mazaricos, e esta tarde a adega Pazo de la Cuesta en Ribas de Sil, unha empresa familiar con forte arraigamento histórico pertencente á Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Esta adega recibiu varias achegas financiadas polos fondos de desenvolvemento rural por importe de máis de 285.000 euros, que lle permitiron mellorar as súas instalacións e equipamento, así como impulsar o enoturismo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/04/2026