A Xunta publica a nova liña de axudas para a adquisición de vehículos adaptados dirixida a entidades de iniciativa social
O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a medida, dotada con 500.000 euros e que ten como obxectivo facilitar a prestación de servizos a persoas dependentes ou con discapacidade
Subvenciónase a adquisición de vehículos de emisión cero, tipo eco ou etiqueta C para fomentar a mudanza cara a modelos de transporte máis sostibles
A iniciativa enmárcase no compromiso do Goberno galego para facilitarlle a mobilidade de toda a cidadanía e fomentar modelos de transporte sostibles
Santiago de Compostela, 4 de maio de 2026
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova Orde para a concesión de axudas destinadas á adquisición de vehículos adaptados que faciliten a prestación de servizos a persoas dependentes ou con discapacidade por parte de entidades de iniciativa social de Galicia. A medida, dotada con 500.000 euros, subvenciona a adquisición de vehículos de emisión cero, tipo eco ou etiqueta C verde, adaptados a persoas con mobilidade reducida.
Deste xeito, os vehículos deberán contar coas adaptacións técnicas necesarias para garantir a accesibilidade, seguridade e comodidade das persoas usuarias, e deberán utilizarse para prestar o servizo de transporte escolar, asistencia a centros de día, a procedementos de rehabilitación ou servizos similares. O obxectivo da medida é permitirlles ás entidades de iniciativa social optimizar a capacidade de intervención, mellorar a cobertura e calidade dos servizos prestados, e favorecer a inclusión social, a autonomía persoal e a igualdade de oportunidades das persoas destinatarias.
Segundo se recolle na orde, poderán beneficiarse da medida as entidades do terceiro sector de acción social, tanto entidades e asociacións de ámbito local ou provincial como as federacións, confederacións, agrupacións, entidades e asociacións de ámbito autonómico.
A axuda concedida será do 100% do investimento subvencionable, co límite máximo de 50.000 euros, e poderase aplicar a vehículos novos adquiridos e pagados desde o 1 de outubro de 2025 ata o 30 de setembro de 2026.
O prazo para presentar as solicitudes será dun mes e comezará ás 9.00 horas do sétimo día hábil seguinte ao da publicación desta orde no Diario oficial de Galicia. Cada entidade pode presentar unha única solicitude e as concesións realizaranse por prelación temporal ata o esgotamento do crédito. Deberán presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Esta iniciativa enmárcase nun ámbito de actuación prioritario para a Xunta, orientado á mellora da mobilidade no eido dos servizos sociais, ao tempo que se fomenta unha mudanza cara a modelos de transporte máis sostibles desde o punto de vista ambiental. Contribúese así á redución do impacto sobre a contorna natural e á mellora da calidade de vida das persoas dependentes e con discapacidade, tanto a nivel individual como colectivo.
Outras medidas de apoio
A nova liña de axudas dirixida a entidades de iniciativa social súmase a outra similar activada de xeito específico para o sector do taxi. Neste último caso, o Goberno galego subvenciona a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida con contías de ata 10.000 euros. A medida facilitou na última convocatoria a compra de 31 vehículos.
A maiores, no marco do compromiso coa mobilidade das persoas con necesidades especiais, sinalar que a Xunta tamén facilita o transporte escolar adaptado ao alumnado de 17 entidades especializadas na atención á diversidade. Así, neste curso 2025-2026 destina un orzamento superior a 1,9 millóns de euros á colaboración con entidades sen ánimo de lucro e centros especiais de emprego para o desprazamento do alumnado con distintos tipos de discapacidade que, por esixencias de carácter académico, foi escolarizado en centros privados e noutras entidades públicas.