Medio Rural flexibiliza os requisitos para os beneficiarios das campañas 2025 e 2026 da PAC afectados polos incendios forestais

O Diario Oficial de Galicia publica unha resolución a través da cal se recoñecen como forza maior as zonas afectadas polos lumes do verán pasado no relativo á xestión e o pagamento das axudas da PAC

Tense en conta a incidencia dos incendios nas explotacións agrarias situadas nestas zonas, un feito que na actualidade está a dificultar o cumprimento dos compromisos que deben asumir os beneficiarios destas achegas

No caso concreto da apicultura, non se aplicarán penalizacións por incumprimento do mantemento de compromiso e, no caso da axuda asociada para gandaría extensiva e semiextensiva de ovino e caprino de carne, reducirase o limiar mínimo de movementos

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2026

A Consellería do Medio Rural flexibiliza os requisitos para os beneficiarios das campañas 2025 e 2026 da Política Agraria Común (PAC) afectados polos incendios forestais do pasado verán. En concreto, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha resolución a través da cal se recoñecen como forza maior as zonas afectadas no relativo á xestión e o pagamento das axudas da PAC nas citadas campañas, tendo en conta que a de 2026 aínda está en prazo de solicitude ata o 15 de maio.

Na mencionada resolución, explícase que a incidencia dos lumes nas explotacións agrarias situadas nestas zonas segue a dificultar, na actualidade, o cumprimento dos compromisos que deben asumir os agricultores e gandeiros galegos que se benefician das achegas da PAC.  

Por esta razón, recoñécese de oficio a situación de forza maior para as explotacións situadas nas zonas afectadas delimitadas conforme aos perímetros dos incendios nos que se declarara a situación operativa 1 e 2 (e que se recollen na publicación do DOG). Así mesmo, establécense como admisibles as superficies agrarias localizadas nestas zonas para os efectos de percepción das axudas directas e das de desenvolvemento rural.

No caso concreto da apicultura, naquelas alvarizas situadas en zonas afectadas non se aplicarán penalizacións por incumprimento do mantemento de compromiso, considerándose determinadas as colmeas solicitadas ata o máximo das comprometidas, mesmo no caso de perda das alvarizas como consecuencia dos incendios. Tamén se reducirá o limiar mínimo de movementos no caso da axuda asociada para persoas gandeiras extensivas e semiextensivas de ovino e caprino de carne.

Ligazón á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260505/AnuncioG1534-240426-0001_gl.html

Paquete de apoio aos afectados polos lumes

Cómpre lembrar que desde a Consellería do Medio Rural puxéronse en marcha ata oito liñas de apoio para paliar os danos ocasionados polos incendios do pasado verán nas explotacións gandeiras, agrícolas e forestais afectadas, chegando a mobilizar xa preto de 7,5 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/05/2026